'Segundo premio' de Isaki Lacuesta representará a España nos próximos Óscar
'Segundo premio' de Isaki Lacuesta representará a España nos próximos Óscar
A cinta recrea a historia da gravación do disco Una semana en el motor de un autobús, o terceiro traballo da banda de rock granadina Los Planetas
Segundo premio, a película de Isaki Lacuesta inspirada na historia da banda de rock granadina Los Planetas, representará a España na 97 edición dos premios Óscar.
A película foi a elixida pola Academia de Cine española para loitar polo Óscar á mellor película internacional. A cinta recrea a historia da gravación do disco Una semana en el motor de un autobús, o terceiro traballo do grupo, que foi publicado en 1998 e que está considerado pola crítica especializada como un dos álbums máis influentes na escena musical pop-rock contemporánea española. O primeiro corte do disco é, precisamente, o tema "Segundo premio".
O filme, codirixido por Pol Rodríguez, acadou a Biznaga de Ouro do Festival de Málaga en 2024 e as Biznagas de Prata á mellor dirección (Isaki Lacuesta e Pol Rodríguez) e mellor montaxe (Javier Frutos).
🔴 Segundo premio representará a España en los Oscar 2025. pic.twitter.com/rgv6BiIW2r
— Academia de Cine (@Academiadecine) September 18, 2024
O anuncio efectuouno este mércores na sede da Academia o actor Eduardo Noriega, acompañado polo presidente da institución, Fernando Méndez-Leite, e a notaria Eva Fernández Medina.
As outras dúas aspirantes na terna de finalistas eran La estrella azul, de Javier Macipe, e Marco de Aitor Arregi e Jon Garaño.