'Succession' e 'The Bear', grandes triunfadores nos Emmy
'Succession' e 'The Bear', grandes triunfadores nos Emmy
Partían como as favoritas e alzáronse con seis Emmys cada unha
Jeremy Allen White levou o premio a mellor actor en serie de comedia
Con catro meses de atraso sobre a data prevista, por mor das folgas dos sindicatos de actores e dos guionistas de Hollywood, o teatro Peacok dos Ánxeles acolleu a 75 edición dos Emmy, na que non houbo grandes sorpresas.
Unha das grandes protagonistas da noite foi Succession, o éxito dramático de HBO sobre as puñaladas trapeiras da millonaria familia Roy. Chegaba con 27 candidaturas. Foi recoñecida como mellor serie de drama, consolidándose como fenómeno televisivo con ata seis galardóns e superando grandes éxitos de audiencia como The Crown ou The last of us. Tamén os seus actores protagonistas, Kieran Culkin, Sarah Snook e Matthew Macfadyen, levaron premio.
Tamén seis Emmy levou a outra gran favorita da noite: The Bear. Coa súa primeira tempada, foi recoñecida como mellor serie de comedia, amais de dirección e guión.
A serie fala do retorno dun prestixioso chef para rescatar un negocio familiar. O discurso de agradecemento á industria dos restaurantes por servir de inspiración foi interrompido por este efusivo xesto entre os dous actores. Foi, sen dúbida, unha das imaxes da noite.
O actor protagonista, o multipremiado Jeremy Allen White, levou o premio a mellor actor en serie de comedia.
Na categoría de miniserie gañou Bronca, de Netflix. Premio ao talento asiático nunha comedia sobre dúas persoas frustradas que se fan a vida imposible, que recolleu oito estatuíñas.