Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Tanxugueiras', elixida como Palabra do Ano 2021

'Tanxugueiras', elixida como Palabra do Ano 2021

As palabras a elixir eran 'gromo', 'vacinódromo', 'resiliencia', 'coada' e 'Tanxugueiras'

G24.gal 27/12/2021 10:55

A palabra 'Tanxugueiras' saíu elixida como Palabra do Ano 2021, ao ser o termo máis votado na elección popular promovida polo Portal das Palabras, na final do concurso promovido pola páxina web para a difusión do léxico galego da Real Academia Galega e a Fundación Barrié.

Competía contra outras como 'gromo', 'vacinódromo', 'resiliencia' e 'coada', que facían referencia á pandemia, as dúas primeiras, e á situación do volcán da Palma, as dúas seguintes. Pero os votos deixaron clara a palabra gañadora: 'Tanxugueiras'.

É que esta palabra converteuse nunha das máis escoitadas e repetidas dos últimos meses pola gran visibilidade que están dando a Galicia as compoñentes do grupo de folk galego 'Tanxugueiras', que xa están un paso máis preto de representar España en Eurovisión.

Pola súa parte, a Real Academia Galega apunta a que esta palabra non se atopa no dicionario, pero que é o plural dun microtopónimo que "elevado a Palabra do Ano convértese tamén nunha icona da gran riqueza da lingua galega como produtora de nomes de lugar que conforman un patrimonio inmaterial único no mundo".

En concreto, refírese a como se chaman algunhas fincas, que se poden atopar en Loirós, en Pontevedra; en Riós ou en Viana do Bolo, en Ourense; en Catoira, Pontevedra; e en Dodro, na Coruña.

E, por outra parte, a Academia Galega tamén sinala que Tanxugueira é unha alteración da forma etimolóxica Teixugueira, un zootopónimo común no país que sinala os sitios onde hai presenza ou abundancia de teixugos ou porcos teixos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade