'Teito de cristal', 'cultura da cancelación' ou 'percebeiro' entran no dicionario da RAG
'Teito de cristal', 'cultura da cancelación' ou 'percebeiro' entran no dicionario da RAG
A Real Academia Galega engade uns 40 termos e melloras na redacción dunha vintena de lemas
A Real Academia Galega (RAG) acaba de incorporar novos termos ao seu dicionario, como agachamento, anicamento, teito de cristal, cultura da cancelación, escaleta ou esgrafiado.
A RAG informa este venres da actualización realizada polo Seminario de Lexicografía, que engadiu uns 40 termos e melloras na redacción dunha vintena de lemas.
No ámbito do deporte figuran agachamento e anicamento, que se refiren ao exercicio físico de flexionar e estender as persoas coa columna recta, e tamén outros novos termos como haltere, en referencia ao aparello que se emprega na práctica da halterofilia, e vólei, que aparece no dicionario como sinónimo de voleibol e balonvolea.
Percebeiro, a pesar de ser unha palabra de uso común non figuraba no dicionario da RAG, nin tampouco elitismo. Son novas palabras e acepcións que aparecen xa no dicionario da RAG xunto a, por exemplo, o instrumento musical birimbao, como termo que refire a unha trompa galega.
Escaleta fai referencia ao guión detallado que reflicte os contidos e a súa duración dentro dun programa, así como a súa forma de presentación, e esgrafiado denomina a técnica decorativa consistente en facer incisións cun estilete nunha capa superficial especialmente preparada, deixando á vista a cor da capa inferior, así como o elemento decorativo feito desta maneira.
Actualización de termos
Entre as novas incorporacións destacan a actualización de termos. Así aparece por exemplo teito de cristal, que identifica a barreira invisible de tipo social, cultural ou económico, que especialmente afecta ás mulleres, e cultura da cancelación pasa a formar parte das frases e expresións para definir o fenómeno consistente na retirada de apoio moral, financeiro, dixital ou social a persoas ou organizacións como consecuencia de comentarios ou accións.
Tamén se modificou a palabra comadre, que incorpora o significado de muller con quen se ten máis trato ou confianza e se establece unha relación de amizade, apoio mutuo ou compañía, a acepción recoñecida como Palabra do Ano 2022 como reivindicación da solidariedade entre mulleres.
Cónxuxe pasou a definirse como cada unha das persoas dun matrimonio, con respecto á outra; e consorte tamén mudou a redacción para respectar igualmente a diversidade.
Verde amplía as súas acepcións, con catro significados máis vinculados á cuestión ambiental, referidos á conservación da natureza e o equilibrio ecolóxico.
A Real Academia Galega modificou, así mesmo, a definición de autismo, como recentemente anunciaba, de acordo cos cambios producidos na súa descrición científica e mais na súa percepción social.