'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro, gran triunfadora nos Premios María Casares 2024
'Unha inimiga do pobo', de Talía Teatro, gran triunfadora nos Premios María Casares 2024
A peza gañou sete dos nove galardóns a que aspiraba
A obra de Talía Teatro levou, entre outros, o premio ao mellor espectáculo, á mellor actriz para Marta Lado e á mellor dirección para Tito Asorey, compartido con Quico Cadaval por O auto do Castromil
María Barcala foi recoñecida coa distinción de honra Marisa Soto
A obra Unha inimiga do pobo de Talía Teatro foi a gran triunfadora dos XXVIII Premios María Casares, que a Asociación de Actores e Actrices de Galicia entregou na noite deste xoves no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
A produción gañou sete dos nove galardóns a que aspiraba: mellor espectáculo, dirección, adaptación-tradución, actriz protagonista, actor secundario, espazo escénico e iluminación.
O auto do Castromil, de Producións Teatrais Excéntricas en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), logrou dous premios (dirección e vestiario) e Deadpan Karaoke, de Ibuprofeno Teatro, gaña tamén en dúas categorías (maquillaxe e espazo sonoro). Nanai da China, de Pérez&Fernández, leva o premio ao mellor espectáculo de monicreques e Crisálida, de Caramuxo Teatro, faise co de mellor espectáculo infantil.
O premio á dirección compárteno Quico Cadaval (O auto do Castromil) e Tito Asorey (Unha inimiga do pobo), o de actriz protagonista foi para Marta Lado (Unha inimiga do pobo), actor protagonista foi para Toni Salgado (Shakespeare en Roma, do CDG), o de actriz secundaria para María Roja (Entrega en man, de Contraproducións) e o de actor secundario levouno Toño Casais (Unha inimiga do pobo).
María Barcala recibiu ou galardón de honra Marisa Soto, co que a profesión recoñece o labor de persoas ou institucións a prol do sector escénico.
Dezanove espectáculos chegaron como finalistas á gala, que se celebrou baixo a dirección de Sara Fandiño e rendeu homenaxe ao teatro musical.