Vicente Feijoo: "Os veciños coñecen os microtopónimos, pero non as historias que se agochan tras eles"
Vicente Feijoo: "Os veciños coñecen os microtopónimos, pero non as historias que se agochan tras eles"
'Galicia nomeada' supera medio millón de xeorreferencias e os 4.000 colaboradores; na súa web podemos ver os topónimos ou achegar novos
A aplicación recolleu en 5 anos case 88.000 microtopónimos de regos, penedos, terras...; o caso galego é dunha riqueza toponímica única en toda Europa
Galicia mide 29.574 km2. Dicimos o número sen redondear, porque aquí cada metro importa. Ben o saben os que moven os marcos. Esta terra de minifundios só representa o 6 % do territorio de todo o estado, pero temos un terzo das poboacións. Aquí cada valo, cada rego, cada vila, parroquia e lugar, teñen nome. ‘Galicia nomeada’ é un ambicioso proxecto para, entre todos, recuperar e conservar eses nomes.
As leiras, os regueiros, as fontes, e ata os penedos, teñen nome. Nomes que corren risco de desaparecer coa desaparición das aldeas. A memoria da xente maior é valiosa para conservalos, porque, cando non se usan, eses nomes morren.
'Galicia nomeada' é un gran proxecto de memoria colectiva, de país e de riqueza única. Máis de 4.000 persoas colaboraron para xeorreferenciar medio millón de topónimos, porque se aquí todo ten nome. Vicente Feijoo é o coordinador do proxecto Galicia Nomeada e da unidade técnica de toponimia da RAG.