'Xaquín Marín, humor líquido', un retrato a golpe de viñeta da realidade galega
'Xaquín Marín, humor líquido', un retrato a golpe de viñeta da realidade galega
A mostra reúne 150 obras do humorista gráfico na Fundación Luís Seoane da Coruña e viaxará por toda Galicia
Isolino é un personaxe cheo de retranca. Retranca que comparte con Tonecho, un cativo cargado de inxenuidade e sabedoría. Gaspariño tamén é un rapaz, pero da súa boca saen reflexións de adulto. Todos eles comparten pai: o humorista gráfico Xaquín Marín. A Fundación Luís Seoane da Coruña mostra unha escolma da súa obra.
Xaquín Marín, humor líquido reúne 150 pezas dun artista que retratou a golpe de viñeta a realidade da Galicia do seu tempo. A exposición incide dunha forma equilibrada nunha traxectoria de case sesenta anos que comezou en Madrid.
"Eu en principio quería ser pintor, pero Reimundo Patiño convenceume de que era mellor para a banda deseñada. Empecei co cómic e despois pasei á viñeta, que é máis sinxelo e ademais me permitía chegar a máis público, que era o que quería eu: transmitirlle as miñas ideas ao público", relata o debuxante e humorista gráfico.
Nas paredes da Fundación de Luís Seoane están todas esas caras de Xaquín Marín, o pintor, o debuxante de banda deseñada e, por suposto o humorista gráfico, o cronista social comprometido e crítico. O artista de estilo inconfundible.
"Están tolos, eu non merezo todo isto. Eu fun feliz traballando no que traballei e non merezo absolutamente nada", sentenza un Xaquín Marín agradecido pola exposición.
Xaquín Marín, humor líquido é o recoñecemento agarimoso da Federación de asociacións culturais Galiza Cultura. A mostra viaxará a outras cidades despois desta estadía na Coruña. Lugo será o seu próximo destino.