Máis de 1,2 millóns de persoas abandonaron Ucraína en nove días
Máis de 1,2 millóns de persoas abandonaron Ucraína en nove días
Só Polonia acolleu 800.000 refuxiados
ACNUR calcula que a invasión pode provocar dez millóns de desprazados
Estímase que desde que comezou a guerra saíron xa de Ucraína máis dun millón duascentas mil persoas. Polonia, o principal país de acollida, recibiu a metade deses refuxiados.
Este sábado, o centro de refuxiados improvisado de Prezemysl, en Polonia, recibiu varios autobuses cheos de ucraínos que foxen da guerra. Como vén sucedendo desde que comezou a invasión rusa, a maioría son mulleres e nenos porque os homes que teñen idade para loitar non poden saír.
Un pequeno cruza chorando e cargando coa súa bolsa o paso fronteirizo de Medyka. Mentres, Anastasia agradece a axuda doutros países pero cre que a OTAN debería pechar o espazo aéreo sobre Ucraína.
Polonia, que conta cunha comunidade ucraína dun millón de persoas, aceptou case 800.000 refuxiados, segundo explicou o ministro do Interior. Este país recibiu en só 24 horas 106.000 persoas.
O presidente polaco prometera acoller todo aquel que o precisase pero agora advirte de que terá que pedir axuda a outros países se as cifras seguen medrando.
Hai unha semana, ACNUR calculaba que a guerra provocaría uns cinco millóns de desprazados. Agora xa fala de dez millóns de refuxiados, o que supón o 25 por cento da poboación de Ucraína.
A apertura de corredores humanitarios pode contribuir a engrosar un éxodo sen precedentes en Europa desde hai décadas e que se vai estendendo desde os países limítrofes.
En Moldova entraron máis de 100.000 refuxiados. A maioría seguen viaxe cara a Romanía e outros países de Europa central e oriental.
Tamén Hungría ou a República Checa, que non comparte fronteira con Ucraína está acollendo refuxiados. A Alemaña chegaron case 20.000 persoas e a Austria, a metade.