11M: 193 vítimas mortais e máis de 2000 feridos que aínda arrastran graves pegadas
11M: 193 vítimas mortais e máis de 2000 feridos que aínda arrastran graves pegadas
Vinte anos despois só quedan na cadea tres das máis de vinte persoas condenadas polos atentados
Pasaban poucos minutos das 7 e media da mañá. Dez explosións en catro trens sacudían a vida de milleiros de persoas que se dispoñían a comezar a súa xornada diaria. Unha delas era Esther. Foi a ferida máis grave. Viaxaba no mesmo vagón onde estoupou unha das bombas.
"Lembro o estoupido, lembro todo cheo de fume. Lembro o cheiro a queimado", relata.
Os médicos déronlle 24 horas de vida. Pero a súa fortaleza permitiulle saír adiante. "Cada día teño que dicirme a min mesma: Aadiante, sigue así, non deixes lugar ao rancor. Mira a vida de fronte e sigue perdoando".
A Policía Nacional encargouse da investigación e de poñer a disposición da xustiza un total de 29 persoas. Pero os principais responsables do atentado non foron xulgados. Inmoláronse nun piso de Leganés semanas despois do masacre.
O xuízo remata coa condena de 25 dos acusados. Entre eles, Otman el Gnaoui e Jamal Zougam como autores e Emilio Suárez Trashorras como cooperador necesario por facilitar os 200 quilos de explosivos. Os tres continúan na cadea. "Case todo, por non dicir todo, está clarificado", defende Javier Gómez Bermúdez, xuíz do 11-M,
Desde esa data a loita antixihadista non cesou. Máis de 400 operacións e un total de 1046 detidos nun contexto de cambio de métodos e de medios ao que foi necesario adaptarse.
"Os atentados son sempre un fallo de seguridade e de azar, de mala sorte. Polo tanto, poder pódese producir. É difícil porque España está preparada, moito máis que daquela contra este tipo de terrorismo".
Hoxe é día de recordo para as vítimas e para as familias. Pero tamén para unha sociedade que se entregou aquel 11 de marzo para fortalecer o seu compromiso cunha convivencia en paz.