200.000 autónomos continuarán percibindo a prestación por cese de actividade en outubro
200.000 autónomos continuarán percibindo a prestación por cese de actividade en outubro
O presidente de ATA cre que moitos traballadores por conta propia se darán de baixa cando expiren as axudas
Lorenzo Amor cre que a reforma laboral de 2012 "non é tan mala"
Arredor de 50.000 autónomos deron de baixa os seus negocios tras a temporada de verán e arredor de 350.000 percibiron as prestacións por cesamento de actividade durante a temporada estival. Indicouno na Radio Galega o presidente da asociación de traballadores autónomos ATA.
Nunha entrevista no Galicia por diante, Lorenzo Amor, explicou que a maior parte dos 50 mil autónomos que se deron de baixa non tiñan empregados e algúns pasaron a ser asalariados trala entrada en vigor da nova lei de riders aprobada polo Goberno.
Á espera de que hoxe se actualicen os datos, Lorenzo Amor estima que 200.000 dos 350.000 autónomos que cobraron prestación por cesamento de actividade no verán, seguirán percibindo estas axudas.
"A pandemia pasou unha factura terrible á súa actividade. Están cobrando o cesamento de actividade como se fora unha prestación de paro e o día que se acabe daranse de baixa en autónomos".
Lorenzo Amor recoñece que a situación é mellor que a do ano pasado; o número de autónomos aumentou tanto en Galicia como en España, o crecemento económico rebotou respecto ó ano pasado pero teme que a inflación, os custes enerxéticos e o incremento dos prezos das materias primas acabarán pasándolles factura.
"Gran parte do tecido empresarial non está repercutindo o incremento das materias primas nin o prezo da enerxía nos produtos e servizos que ofrecen pero se isto continúa en liña ascendente é imposible seguir aguantando sobre as costas o incremento de custos sen trasladalo ó prezo dos produtos e dos servizos".
Reforma laboral
O presidente de ATA e vicepresidente da CEOE asegura que a patronal española está disposta a traballar co Goberno e os sindicatos na procura do "consenso e acordo" para levar adiante a negociación da reforma laboral. Lorenzo Amor asegura que os empresarios non teñen capacidade de veto, e aclara:
"Cando chegamos a un acordo, pactámolo; cando tivemos que dicir non porque cremos que é malo para a sociedade xeral e o tecido empresarial dixemos que non. Vontade de diálogo non vai faltar pero advertimos: se o que se pretende é mellorar o emprego vannos atopar; se o que pretenden é facer da reforma laboral unha bandeira política, dificilmente poderemos chegar a un acordo".
Con todo, Lorenzo Amor considera que "non é tan mala" a reforma laboral de 2012. Nunha entrevista no 'Galicia por diante' lembrou que entre 2012 e 2018 creáronse 3 millóns de empregos e que durante a pandemia a reforma laboral serviu como colchón para evitar a destrución de emprego.
"Onte todo o mundo celebraba a creación de emprego. Tan mala non deben ser as normas laborais de 2012 cando, a pesar da que está caendo neste país, estamos creando emprego. Por tanto, se hai que mellorar a norma laboral do ano 2012 estamos dispostos a mellorala; agora ben, non nos imos pegar un tiro nun pé".
Lorenzo Amor cre que o Goberno debería atallar a temporalidade non só na empresa privada senón na administración pública, e dá un dato: A taxa de temporalidade no sector público é do 31,50 por cento; e no sector privado, do 21 por cento.
A taxa de temporalidade no sector público é dez veces superior que no sector privado. Igual cando se fala de reforma laboral e se fala de reducir a temporalidade hai que empezar polas administracións públicas e non tanto polo sector privado.
Amor defende que todos os ministerios implicados, e non só o Ministerio de Traballo, se encargue de negociar cos axentes sociais a reforma das normas laborais de 2012.
"En materia laboral hai moitos ministerios implicados e, polo tanto, nós vemos correcto que participen na norma laboral".