Publicador de contidos
Publicador de contidos

2.000 brigadistas, dous terzos do total, traballan todo o ano na loita contraincendios

2.000 brigadistas, dous terzos do total, traballan todo o ano na loita contraincendios

Hai unha desestacionalización das condicións en que prende o lume e Medio Rural reforzou o dispositivo anual con 600 brigadistas

Seguen prohibidas as queimas agrícolas

G24.gal 09/10/2023 14:50

Co termómetro rebasando os trinta graos en moitos puntos de Galicia... no Centro de Coordinacion de Incendios Forestais están moi pendentes dun mapa, o que marca o índice de risco diario.

Hai unha desestacionalización das condicións en que prende o lume. E Medio Rural reforzou o dispositivo anual con 600 brigadistas. Hai 2.000 traballando todo ano.

Manuel Rodríguez Vázquez, director xeral de Defensa do Monte, explica que "este ano desde xaneiro o persoal de nove meses xa pasou a ser de todo o ano. Temos dous terzos do persoal total de incendios traballando todo o ano. E isto responde a un tema de seguridade para os traballadores, pero tamén á necesidade, porque as condicións xa de xaneiro ou febreiro non son as que tiñamos hai anos".

É unha necesidade que, máis alá da extinción, obriga a redobrar os esforzos en vixilancia e labores de prevención. "O dispositivo ten que mudar sempre a adaptarse á realidade que estamos tendo. A realidade que levamos vivindo nos últimos anos viuse nas condicións deste ano. O lume máis grande que tivemos foi en marzo", engade Manuel Rodríguez.

Os dous mil brigadistas seguirán traballando co mesmo obxectivo que tiñan no verán. "Evidentemente o éxito do dispositivo é que ti non saibas que hai incendios, porque os apagamos. O éxito do dispositivo é que os lumes non se fagan grandes. E é un éxito nese sentido pensar que toda a poboación perciba que a campaña foi tranquila".

Mantela, di, é unha obriga de todos. Seguen prohibidas as queimas agrícolas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade