O mercado laboral suma 539.740 afiliados en 2023, coa menor cifra de paro desde 2007
O mercado laboral suma 539.740 afiliados en 2023, coa menor cifra de paro desde 2007
Decembro deixa 27.375 parados menos e 2023 finaliza cunha caída de 130.000 desempregados. O paro rexistrado sitúase en 2.77456 persoas
Os cotizantes á Seguridade Social rexistran un novo máximo anual: 20,83 millóns de ocupados
Galicia rexistrou no pasado ano 12.718 desempregados menos, un descenso do 9 %
O paro rexistrado nas oficinas dos servizos públicos de emprego rexistrou en 2023 un descenso de 130.197 persoas (-4,6 %), ata un total de 2.707.456 desempregados, a menor cifra nun peche de ano desde o exercicio 2007, informou este mércores o Ministerio de Traballo e Economía Social.
Aos 2,7 millóns de desempregados cos que se pechou 2023 chegouse despois de que o paro baixase en decembro en 27.375 persoas respecto ao mes anterior (-1 %), o seu menor descenso nun mes de decembro desde 2020, cando subiu en algo máis de 36.000 persoas.
O emprego sumou 539.740 afiliados de media en todo 2023 con récord de 20,84 millóns de ocupados en decembro.
Segundo os datos facilitados este mércores polo Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, só en decembro rexistráronse 29.937 afiliados máis pechando un ano con "un comportamento excepcionalmente positivo".
O Ministerio de Traballo e Economía Social destaca que estes datos evidencian que 2023 foi un ano "moi positivo" en termos de emprego "a pesar da incerteza da conxuntura internacional". Co descenso rexistrado en 2023, o paro encadea tres anos consecutivos de retrocesos tras o contabilizado en 2021, cando se experimentou un caída récord de 782.232 desempregados polo fin das restricións asociadas á pandemia, e o rexistrado en 2022 (-268.252 parados).
Menos mulleres desempregadas
Este retroceso do desemprego en decembro concentrouse nas mulleres, con 28.120 paradas menos (-1,7%), fronte a un aumento do paro masculino de 745 homes (+0,07 %). Entre os menores de 25 anos, o desemprego reduciuse en decembro en 12.014 persoas (-5,8 %).
O paro diminuíu o ano pasado en todos os sectores económicos, especialmente nos servizos, que restaron 81.333 desempregados no ano (-4 %). Seguírono, en valores absolutos, a industria, con 17.731 parados menos (-7,6 %), e a agricultura, que rexistrou un descenso de 15.483 desempregados e liderou as caídas en termos relativos (-13,6 %).
A construción e o colectivo sen emprego anterior, pola súa banda, recortaron a súa cifra de parados en 13.339 e 2.311 persoas en 2023, con caídas porcentuais respecto a 2022 do 5,9 % e do 0,9 %, respectivamente.
O paro baixou en 2023 en ambos os sexos, aínda que en maior medida entre as mulleres. Así, o desemprego feminino descendeu en 73.175 mulleres respecto a 2022 (-4,3 %), fronte a un retroceso anual do paro masculino de 57.022 desempregados (-5 %). Deste xeito, ao finalizar o ano, o número de mulleres en paro situouse en 1.616.973 e o de homes, en 1.090.483 desempregados.
O descenso do paro en Galicia foi do 9 %, 12.718 desempregados menos
O paro descendeu en 2023 en todas as comunidades autónomas, especialmente en Andalucía (-32.157 desempregados), Canarias (-15.315), Comunidade Valenciana (-13.722), Galicia (-12.718) e Castela e León (-9.376).
Cos datos pechados en decembro, hai en Galicia 129.504 demandantes de emprego, tras un descenso de 1.664 desempregados neste último mes, o que supón unha caída de case o 9 % en 2023, que en termos relativos sitúa á comunidade galega como a terceira nas que máis se rebaixou o paro tras Baleares (-11,5%) e Aragón (-9,5 %).
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, valora como moi positivos estes datos do paro en Galicia. Nunha publicación nas redes sociais, di que estas cifras "avalan o crecemento económico e a consolidación dunha Galicia potente". Di Alfonso Rueda que seguirá traballando para manter esa tendencia.
As cifras do paro avalan o crecemento económico e a consolidación dunha Galicia potente.
— Alfonso Rueda (@AlfonsoRuedaGal) January 3, 2024
Estes datos son moi positivos. Seguimos traballando para manter esa tendencia coas políticas que funcionan.https://t.co/mif1WeoSSn
En canto á contratación, en 2023 realizáronse 15.444.205 contratos, un 15,6 % menos que en 2022, dos que 6.620.983 foron indefinidos, o equivalente ao 42,8 % do total, cun descenso do 5,8 % sobre o ano anterior.
Dentro dos contratos indefinidos efectuados no conxunto do pasado exercicio, 2.756.443 foron a tempo completo, un 7 % menos que en 2022, e 1.550.774 a tempo parcial, case un 11 % menos que no ano anterior.
De todos os contratos subscritos en 2023, máis de 8,8 millóns foron contratos temporais, cifra que é a menor da serie histórica, un 21,8 % inferior á de 2022 e ao redor da metade da do período 2015-2019, antes da reforma laboral.
O Ministerio informa ademais de que o gasto en prestacións por desemprego alcanzou en novembro de 2023 (último dato dispoñible) a cifra de 1.904 millóns de euros, un 9,2 % máis que en igual mes de 2022, e subliña que o sistema de protección ao desemprego presenta un superávit de 5.502 millóns de euros "grazas ao impulso do emprego".
Terceiro ano consecutivo no que crece o emprego
O novo máximo anual de 20.836.010 cotizantes en decembro de 2023 prodúcese tras gañar 539.740 ocupados no ano (+2,7%). Trátase do segundo maior incremento anual desde 2018, cando o sistema sumou 564.000 traballadores, informa o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.
Deste xeito, 2023 é o terceiro ano consecutivo no que crece o emprego despois de que 2020, primeiro ano de pandemia, levase por diante 360.105 postos de traballo.
A ministra de Seguridade Social, Inclusión e Migracións, Elma Saiz, destacou que ao longo do ano pasado "rexistrouse un máximo histórico da serie cada mes". "España está a mostrar unha capacidade de resiliencia encomiable. 2023 foi un ano histórico en creación de emprego desde todas as perspectivas, co que se consolida o cambio estrutural do noso mercado de traballo", engadiu a ministra.
En termos desestacionalizados, o número de cotizantes á Seguridade Social aumentou en decembro en 23.287 traballadores (+0,1 %), pechando o ano en 20.774.625 ocupados, o mellor dato da serie histórica. Ademais, o Departamento que dirixe Elma Saiz destacou que o nivel actual de emprego supera en máis de 1,4 millóns ao existente antes do inicio da pandemia, en decembro de 2019.
Ao finalizar decembro de 2023, o cociente cotizante/pensionista alcanzou o 2,42, o seu máximo valor en dez anos, mentres que os ingresos por cotizacións creceron ata novembro (último dato dispoñible) a un ritmo interanual do 10,3 % (+8,3 % se se exclúen as cotas procedentes do Mecanismo de Equidade Interxeracional, en vigor desde xaneiro de 2023).
Máis mulleres cotizantes coa educación e a hostalaría tirando do incremento
Dos case 540.000 afiliados medios que sumou a Seguridade Social en 2023, algo máis da metade, o 55 %, eran mulleres e case catro de cada dez, estranxeiros. En concreto, a ocupación media feminina creceu en 2023 en 297.079 afiliadas (+3,1 %) e pechou o ano nun novo máximo histórico de 9.856.258 mulleres cotizantes. A afiliación masculina, pola súa banda, aumentou en media en 242.661 ocupados (+2,2 %), ata sumar 10.979.753 traballadores.
A afiliación media de estranxeiros incrementouse en 208.057 cotizantes en 2023, un 8,4 % respecto a 2022, ata situarse en 2.668.776 ocupados, novo máximo a peche dun exercicio.
O Réxime Xeral, o máis numeroso do sistema, gañou o ano pasado 525.380 afiliados medios (+3,1 %), ata un total de 17,4 millóns de ocupados, mentres que o Réxime Especial de Traballadores Autónomos (RETA) sumou 15.966 novos cotizantes (+0,5 %) e acabou 2023 con 3.344.368 ocupados.
Dentro do Réxime Xeral, a educación liderou o aumento da ocupación en 2023 tanto en termos absolutos como relativos tras gañar 148.744 novos cotizantes respecto a 2022 (+13,7 %) en valores medios.
Destacaron tamén os aumentos absolutos dos afiliados medios en hostalería, con 75.646 ocupados máis (+5,9 %), e no comercio, que sumou 61.370 cotizantes no ano (+2,4 %). No lado dos descensos, sobresae a Administración Pública, que perdeu 68.178 cotizantes en 2023 (-5,6 %).
Pola súa banda, o Sistema Especial Agrario rexistrou 16.341 baixas o ano pasado (-2,3 %), mentres que o Sistema Especial do Fogar perdeu 3.783 afiliados respecto a 2022 (-1 %).
O Ministerio subliñou que o crecemento da afiliación respecto ao nivel previo á pandemia é "especialmente intenso" en sectores de alto valor engadido, como informática e telecomunicacións, que conta cun 25,2 % máis de afiliados que antes da covid, ou actividades profesionais, científicas e técnicas, onde a ocupación aumentou un 15,8 %.
Segundo o Ministerio, os datos de decembro de 2023 reflicten os efectos positivos da reforma laboral sobre a estabilidade do emprego e a mellora da súa calidade desde que esta norma entrou en vigor hai dous anos.
Así, a porcentaxe de afiliados con contrato temporal situouse a peche do ano en mínimos do 14 %, fronte á media do 30 % de antes da reforma laboral. No caso dos menores de 30 anos, a temporalidade reduciuse en 31 puntos, ata o 22 %.
Ao mesmo tempo, a Seguridade Social contabiliza agora máis de 3,1 millóns de afiliados máis con contrato indefinido que en decembro de 2021, último mes antes da entrada en vigor da reforma laboral.
Todas as comunidades autónomas gañaron en 2023 afiliados medios respecto a 2022. En valores relativos destacan os incrementos da ocupación en Canarias (+3,9 %) e Madrid (+3,8 %). En termos absolutos, Madrid liderou a repunta da ocupación en 2023, con 135.033 novos afiliados, seguida de Cataluña (+94.028 cotizantes); Andalucía (+64.358 afiliados) e Comunidade Valenciana (+61.198).