2024: unha máis que probable baixada do prezo do diñeiro, por Venancio Salcines
OPINIÓN
2024: unha máis que probable baixada do prezo do diñeiro, por Venancio Salcines
O prezo do diñeiro está estable no 4,5 %, e, a xuízo do Banco Central Europeo, hoxe é prematuro falar de recortes de xuros. Dito isto, unha boa parte dos analistas pensan que no mes de marzo é moi posible que vexamos baixadas e se non é nesta data dan por seguro que en xuño veremos os recortes tan ansiados polos investidores. Sexa unha data o outra, ninguén pode negar que este ano é o da volta á normalidade. Algo que xa desconta o Euribor, que acadou o seu máximo en outubro e desde ese mes comezou unha baixada lenta, pero continua, de tal xeito que pasamos do 4,16 % de media mensual en outubro ó 3,6 % no mes de xaneiro.
O control da inflación marca os ritmos do BCE, pero existen outras variables que inflúen e non debemos esquecer, e unha delas é o crecemento dos principais mercados, esencialmente de Alemaña. Ata hai unhas semanas todos os prognósticos falaban dunha recuperación da economía de Berlín, pero empezan a soar voces que falan dunha recuperación, para este ano, demasiado tímida, un crecemento por debaixo do 1 %. Dous motores do desenvolvemento alemán están a desaparecer; estou a falar da fonte barata da enerxía que supoñía o gas ruso e a dependencia do milagre económico chino. Polo tanto, Alemaña require de novas estratexias exportadoras e de novas fontes de enerxía e para levar de modo axeitado os seus cambios require do consumo doméstico e dos investimentos empresariais, e estes están fortemente conectados co prezo do diñeiro.
Análise similar pódese facer para a segunda economía da zona euro, Francia, que tamén se prevé con taxas de crecemento inferiores ó un por cento. A economía mundial, esencialmente a chinesa, está a moderar o seu crecemento, e cando isto pasa entón toca activar a economía doméstica, e isto pasa por recortes de xuros. Por isto esencialmente a maioría dos analistas esperan ver un cambio de política monetaria ó comezo do segundo trimestre deste ano.