25 anos de traxectoria permiten a MeteoGalicia ofrecer datos do clima
Xa están dispoñibles na web e axiña o estarán tamén na app móbil
A web de MeteoGalicia, unha das webs máis visitadas do país, ofrece desde hoxe -ademais de información do tempo- información do clima.
Os 25 anos de traxectoria do servizo permiten dispor de datos, táboas, gráficos e comparativas estatísticas de todos os parámetros: de chuvia, temperaturas, vento e desagregados por concellos.
Ofrecen ademais en tempo real un novo visor preditivo, co modelo meteorolóxico. Toda a información coa que traballan os meteorólogos e que proximamente será accesible tamén na aplicación móbil.
"120 millóns de datos ao ano durante estes 25 anos son moitos datos que están disposición da cidadanía. E dun xeito que pensamos que é doado para que toda persoa que teña curiosidade poida acceder coa máxima transparencia", dixo Paula Uría, a Directora xeral de Enerxías Renovables.
"Pois imos ter na nosa páxina web unha nova pestana, de clima, onde poder consultar todos eses parámetros", declarou Xoán Taboada, o coordinador de MeteoGalicia.