Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ventos de 100 km/h na Veiga, ondas de 8 metros en cabo Silleiro e 43 l/m2 en Zas

Ventos de 100 km/h na Veiga, ondas de 8 metros en cabo Silleiro e 43 l/m2 en Zas

A borrasca Martinho azouta de novo Galicia este sábado, co litoral en aviso laranxa por temporal costeiro

G24.gal 22/03/2025 08:11 Última actualización 22/03/2025 20:21

A borrasca Martinho azouta de novo Galicia este sábado con todo o litoral en aviso laranxa por temporal costeiro. Ademais, estanse a producir refachos importantes e choivas intensas. O concello de Zas leva acumulados 43 litros por metro cadrado.

A boia de Portos do Estado en cabo Silleiro (Baiona) rexistrou unha onda de 7,8 metros ás 11:00 horas e o refacho máximo, segundo Meteogalicia, superou os 99 quilómetros por hora ás 02:30 da madrugada en Xares, no municipio da Veiga.

A Secretaría Xeral para o Deporte suspendeu durante este sábado toda a actividade deportiva federada no mar. O Goberno galego chama a extremar as medidas de seguridade e lembra a importancia de manterse afastado das zonas de costa.

Aviso amarelo por neve

A cota de neve estará nos 1.200 metros, pero baixará a 800 metros durante a tarde. De feito, tamén está activado o aviso amarelo na montaña de Ourense e Lugo por acumulacións de neve superiores aos cinco centímetros por riba dos 1.000 metros.

A modo de curiosidade, Meteogalicia lembra que hai un ano, o 22 de marzo de 2024, había temperaturas por riba dos 30 graos en moitas zonas da metade sur de Galicia. Con todo, este sábado a maior parte da comunidade está por baixo dos 10.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade