Publicador de contidos

Publicador de contidos

A borrasca Martinho remite pero deixa os leitos cheos en Madrid, Ávila e Toledo

A borrasca Martinho remite pero deixa os leitos cheos en Madrid, Ávila e Toledo

En seis municipios do Alberche (Toledo) producíronse desaloxos e enviouse unha alerta aos móbiles

Unha trintena de estradas quedaron cortadas ao tráfico por inundacións, sobre todo en Andalucía e Valencia

O río Alberche ao seu paso por Escalona. EFE/Manu Reino
G24.gal 22/03/2025 08:13 Última actualización 22/03/2025 21:33

A borrasca Martinho afástase pero deixa cheos os leitos de varios ríos, sobre todo en Madrid, Ávila e Toledo. Nesta última provincia, producíronse desaloxos e enviouse unha alerta aos móbiles de seis municipios do Alberche.

Ademais, 35 estradas están cortadas ao tráfico polas inundacións producidas polas fortes choivas, especialmente en Andalucía e a Comunidade Valenciana, e a neve inflúe na condución doutras 24 vías, case todas da rede secundaria, segundo datos da Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

A situación segue a ser complicada porque, segundo explica a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), Martinho deixou precipitacións abundantes onde xa caera moita auga e, ademais, choveu en zonas con neve, provocando o seu desxeo.

Os chans están saturados e moitos ríos presentan caudais moi altos, polo que se extreman as precaucións por posibles desbordamentos. A situación máis complicada está en Toledo, Ávila e Madrid.

Situación do Texo en Toledo. EFE/Ángeles Visdomine Situación do Texo en Toledo. EFE/Ángeles Visdomine

Enchente do río Alberche

O temporal obrigou a máis dun cento de persoas do municipio de Escalona (Toledo) a abandonar as súas casas, e medio cento de vivendas están asolagadas pola enchente do río Alberche.

O alcalde de Escalona, Álvaro Gutiérrez, asegurou que este sábado están a vivir os peores momentos desde que comezou o temporal e o Alberche atópase en niveis máximos, "case históricos", ao seu paso polo municipio.

"Hai que remontarse a moitas décadas atrás para ver unha enchente coma a de hoxe", afirma.

A veciñanza desta localidade e doutras cinco ribeiregas do Alberche recibiron a primeira hora deste sábado nos seus móbiles a alerta de emerxencia por inundacións. 

O Texo mantén o limiar de aviso vermello e xa alcanza os 950 metros cúbicos por segundo ao seu paso por Talavera de la Reina (Toledo), que vive unha situación "moi complicada", de acordo co alcalde da cidade, José Julián Gregorio.

Preocupa o leito do Texo ao seu paso por Talavera de la Reina. EFE/ Manu Reino Preocupa o leito do Texo ao seu paso por Talavera de la Reina. EFE/ Manu Reino

O Manzanares, tamén no foco

O Concello de Madrid, a través da reunión de Comité Asesor do Plan de Actuación de Inundacións, non descarta cortar a A-6 ao seu paso polo río Manzanares nin a A-2 á altura do quilómetro 16.

Así o indicou na rede social X, na que apuntou que está previsto un aumento dos ríos polos desaugamento de encoros, por iso pide á cidadanía que se manteña informada a través das canles oficiais.

Esta madrugada reabriuse o ramal de conexión desde a M-30 -calzada exterior- (á altura do quilómetro 25) á M-40, en sentido A-6, tras permanecer cortado durante a noite por precaución ante a suba do nivel do Manzanares, segundo Emerxencias Madrid.

Pola súa banda, o concello de Mejorada del Campo evacuou 48 persoas de diversas zonas da localidade ante as enchentes dos ríos Xarama e Henares ao seu paso polo municipio.

O Manzanares no distrito madrileño de Usera. EFE/Javier Lizón O Manzanares no distrito madrileño de Usera. EFE/Javier Lizón

Mellora a situación en Ávila

O presidente de Castela e León, Alfonso Fernández Mañueco, destacou a evolución favorable da situación, tras as inundacións polas chea dos ríos Adaja e Mozo, aínda que advertiu da necesidade de manter o nivel 2 do Plan de Protección Civil.

Malia que a Aemet reduciu o nivel de intensidade de choivas, avisa de nevaradas no Sistema Central -Ávila e Segovia- e na Cordilleira Cantábrica -León e Zamora-, e de ventos no Sistema Ibérico, na provincia de Soria.

Pola súa banda, a Xunta de Andalucía desactivou, ás 11:30 horas deste sábado, a fase de "emerxencia situación operativa 1" por asolagamentos pero se mantén alerta.

Catorce comunidades en aviso

Un total de catorce comunidades mantiveron activados este sábado avisos por neve, vento ou fenómenos costeiros. A situación máis complicada viviuse en Asturias, Cantabria, Galicia e País Vasco, en nivel laranxa por temporal no mar, con ondas por riba dos oito metros.

Vista do río Adaja en Ávila. EFE/Raúl Sanchidrián Vista do río Adaja en Ávila. EFE/Raúl Sanchidrián
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade