Unha avaría deixa sen subministración eléctrica 3.000 veciños de Moaña
Unha avaría deixa sen subministración eléctrica 3.000 veciños de Moaña
Os efectos do último temporal danaron a liña Cangas-Moaña
Os cortes afectaron vivendas e negocios de Domaio, Meira e parte de Quintela
Os veciños de Moaña están xa afeitos aos cortes de luz, pero o episodio que viviron onte foi un paso máis aló e chegou a desesperar a moitos. Desta vez unha avaría no tendido de media tensión de Cangas a Moaña deixou sen subministración eléctrica uns 3.000 clientes da compañía Naturgy no Morrazo.
Pasadas as seis da tarde a central da Policía Local de Moaña colapsou. Centos de veciños chamaban porque quedaran sen subministración eléctrica. Un apagamento que afectou as zonas de Domaio, Meira e parte de Quintela.
A última borrasca Louis zoou forte na zona e está detrás da avaría no tendido eléctrico entre Cangas e Moaña. Caeu material nos cables da liña aérea e estragouna.
A de onte foi unha xornada complicada para moitos. Panaderías, cafeterías e todos os negocios da zona sufriron os efectos do apagamento e non puideron traballar. Algúns non se decataron ata que chegaron as súas casas, e outros non puideron entrar nelas porque os garaxes non abrían.
Uns están afeitos, e outros fartos dos cortes da subministración. Pero sempre hai quen ve o lado positivo das cousas. Como unha veciña de Domaio que non podía entrar na casa e aproveitou para estar cos fillos e os veciños no parque, sen aparellos móbiles.
A avaría para algúns non quedou resolta ata ben entrada a noite.