Unhas 40.000 persoas acoden ao 33 Salón do Automóbil de Vigo
Unhas 40.000 persoas acoden ao 33 Salón do Automóbil de Vigo
As vendas estimadas rozan os 15 millóns de euros
Esta fin de semana tamén se celebrou unha feira de automoción en Lugo
Medio cento de marcas de coches e motos participaron no salón do automóbil de Vigo, que abriu o mércores e pechou este domingo pola noite, cunhas vendas estimadas de 15 millóns de euros.
"Pensamos que é unha comodidade para quen pensa cambiar de vehículo ter as marcas xuntas, con ofertas especiais porque ao final están en competencia entre elas", comenta Xosé Henrique Elvira, director xeral de Eventos Motor.
Unha das novidades desta edición foi a presentación dunha marca de coches chinesa. Os salóns do automóbil serven de escaparate para dar a coñecer os últimos modelos en automoción. Pero o prezo tamén é determinante na decisión final.
"Todo sobe pero tanto os coches como as motos están carísimas, unha barbaridade".
"Os clientes fíxanse no prezo e, sobre todo, buscan gasolina. O eléctrico cada vez véndese máis pero de momento prefírese gasolina", explica dende o Grupo Blandio Autogomas, Pablo Rodríguez.
Tamén en Lugo se puideron ver esta fin de semana as últimas novidades do mercado do automóbil e nos concesionarios constantan que hai interese polos coches eléctricos.
"Agora mesmo é un 5 % do mercado pero iso vai ir medrando tanto en eléctrico como en enchufable", asegura Benito Mayor, xerente do grupo Breogán de Lugo.
Aínda que, de momento, a gran desvantaxe é a falta de infraestrutura de cargadores.