Publicador de contidos
Publicador de contidos

50 aniversario da estrea de 'Grândola Vila Morena' na Universidade de Santiago

50 aniversario da estrea de 'Grândola Vila Morena' na Universidade de Santiago

O artista Zeca Afonso cantouna nese concerto porque se sentiu emocionado ante a fraternidade do estudantado presente 

G24.gal 10/05/2022 22:20 Última actualización 10/05/2022 22:38

Coloquio e música na homenaxe a Zeca Afonso congregaron moitas saudades no ateigado auditorio de Filoloxía en Compostela.

Estaban a viúva do artista, os seus amigos daquel entón, admiradores de todas as xeracións, a súa e posteriores, e mesmo abriu a charla Emilio Pérez Touriño, o mesmo mestre de cerimonias daquel famoso concerto do 10 de maio de 1972 en que soou por primeira vez en público o tema que se converteu uns meses despois nun himno na Revolución dos Caraveis: 'Grândola Vila Morena'.

A emoción foi palpable en todo o acto.

Para a artista Uxía Senlle, no comité organizador do evento, a emoción foi enorme igual que para outras moitas caras coñecidas que asistiron, como o artista Quico Cadaval.

"Zeca é sempre unha emoción moi fonda e os 50 anos de Grândola por primeira vez nesta terra. É emocionante porque celebramos a liberdade, porque celebramos a un creador excepcional, eterno, universal" declarou Uxía.

"Unha das músicas da miña vida e unha das músicas importantes para Europa" asegura Cadaval.

Aquel concerto promovido polo movemento estudantil coa axuda do cantante galego de Voces Ceibes, Benedicto García, quedou na memoria da universidade compostelá para sempre e debería servir para reivindicar de novo aquela fraternidade dos movementos estudantís segundo Elías Feijóo, decano da Facultade de Filoloxía.

"Hai un desexo de que aquilo que acontece hai 50 anos poida ir acontecendo máis veces e que a cidade e a propia universidade recuperen o seu estudantado e a súa comunidade en xeral" pensa Feijóo.

Xa non existe o comedor estudantil onde se celebrara o concerto nin o Burgo das Nacións pero no lugar que ocupaban, un mural compartido por Benedicto e Zeca lembra para sempre esta data.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade