A USC estrea a Cátedra Institucional Rosalía de Castro
A USC estrea a Cátedra Institucional Rosalía de Castro
Servirá para promover achegas sobre a autora, promover a edición da súa obra e realizar actividades de fomento relacionadas coa súa vida
A Cátedra Institucional Rosalía de Castro botou a andar este venres co obxectivo de profundar no estudo académico e crítico da obra e da figura de Rosalía nas súas múltiples dimensións, buscando reforzar a súa proxección e coñecemento tanto no ámbito galego e peninsular como internacional.
A cátedra inaugurouse este venres cun acto no Salón Nobre do Colexio de Fonseca presidido polo reitor Antonio López, no que tamén se lle concedeu a Insignia de Ouro da USC á profesora emérita da Universidade de Londres Catherine Davies.
A cátedra, xurdida como froito dun convenio co Parlamento de Galicia e a Consellería de Cultura, Lingua e Mocidade, terá como prioridade promover achegas sobre a autora desde perspectivas e paradigmas renovadores, pero sen esquecer a atención a aspectos máis tradicionalmente filolóxicos, como o coñecemento crítico da obra e da figura da escritora en todos os seus aspectos. Tamén servirá para fomentar edicións do conxunto da súa produción, sen descartar posibles textos inéditos.
O codirector da cátedra, o profesor da USC Fernando Cabo, sinalou que xa se deron os primeiros pasos coa participación en congresos e seminarios para difundir aínda máis a obra dunha “escritora de primeira magnitude” e de “relevancia cada vez máis innegable”.
Pola súa banda, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, sinalou que esta iniciativa supón "un privilexio ao permitir que a día de hoxe se siga estudando e descubrindo a Rosalía, unha muller que logrou ser o referente dunha lingua, a galega, fito que non ocorreu con outro idioma".
Neste sentido, o responsable de Lingua da Xunta destacou o labor investigador arredor da autora que, lembrou, "sempre nos acaba ensinando novas perspectivas e reflexións".
Na cátedra haberá unha potenciación de Rosalía de Castro e da súa obra como elementos dinamizadores das concepcións máis tradicionais referidas á historia literaria, á literatura nacional, aos xéneros literarios e á relación entre escritura e territorio ou entre escritura e identidade de xénero.
Tamén se profundará no estudo da significación de Rosalía desde a perspectiva da memoria pública e promoverase a realización de cartografías e outro tipo de achegas, nas que o territorio da provincia da Coruña terá un protagonismo destacado.
Ademais organizaranse actividades de fomento do desenvolvemento local na xeografía vital da autora, en particular na vila de Padrón e a súa contorna (Dodro, Ames...) e nas cidades de Compostela e A Coruña.
E dinamizaranse iniciativas e facilitaranse colaboracións con entidades relacionadas coa traxectoria, o pensamento e a obra da escritora, así como coas dedicadas a outras figuras canónicas (Pondal, Pardo Bazán ou Curros Enríquez), de modo que o foco abarque a literatura e sociedade do século XIX en toda a súa complexidade.