Un investigador da USC, destinatario dunha das bolsas máis prestixiosas da UE
Un investigador da USC, destinatario dunha das bolsas máis prestixiosas da UE
Ignacio Insua é licenciado en Farmacia pola USC, doutor en Química pola Universidade de Birmingham e investigador do Instituto Ramón y Cajal
O seu proxecto para loitar cotra as bacterias resistentes, que desenvoverá en Santiago, foi seleccionado polo seu potencial clínico e innovador
As cepas resistentes aos antibióticos causan xa case dous millóns de mortes ao ano. É un dos maiores desafíos da investigación médica neste momento, que une esforzos a nivel internacional e que conta cun novo baluarte nos laboratorios da USC. Nacho Insua, de só 35 anos, acaba de lograr a validación do Consello Europeo de Investigación. A súa proposta é toda unha revolución conceptual nos fármacos para combater as bacterias resistentes aos antibióticos.
"É un novo concepto farmacolóxico de como deseñar medicamentos. En vez de administrar un antibiótico activo, nós o que queremos é administrar dous precursores inactivos, que ao atoparse no corpo é onde se combinan para activarse; e unha vez activados como antibióticos é cando son quen de xerar copias de si mesmos", explica Ignacio Insua, investigador da USC
Por iso os denomina"autorreplicantes", que teñen ademais a vantaxe de constituír unha terapia dirixida ao propio foco da infección, e o potencial de poder atallar unha infección bacteriana dun xeito moito máis acelerado que os fármacos actuais.
O seu é un dos 15 proxectos de química seleccionados a nivel europeo. A beca Starting Grant da ERC está dotada cun millón e medio de euros.
"Supón un pulo exponencial para a miña carreira investigadora. Grazas a esta bolsa podo contratar especialistas para este proxecto multidisciplinar prque require formación en química, nanotecnoloxía e bioloxía", explicou Ignacio Insua.
Licenciado en Farmacia pola USC, e doutor en Química pola universidade de Birmingham, Insua foi investigador Juan de La Cierva, Marie Curie e agora, Ramón y Cajal. É profesor na USC e firme defensor do labor das universidades no desenvolvemento de investigación innovadora e disrruptiva, que pola súa falta de rendibilidade inmediata non adoita asumir a iniciativa privada.
Desde esta etapa preliminar desenvolver un medicamento pode levar máis dunha decada, de traballo e comprobacións.