7.000 efectivos para afrontar desde este luns a tempada de alto risco de incendios en Galicia
7.000 efectivos para afrontar desde este luns a tempada de alto risco de incendios en Galicia
O plan de loita contra o lume (Pladiga) mobilizará tamén 380 motobombas e unha trintena de medios aéreos
A campaña vaise prolongar ata o 30 de setembro, nun verán que Aemet prevé máis seco e cálido do normal
A época de alto risco de incendios comeza este luns, 1 de xullo, e vaise prolongar ata o 30 de setembro, co obxectivo de que ardan menos de 18.489 hectáreas en Galicia en 2024.
O plan de loita contra o lume (Pladiga) establece como período fixo de alto risco os meses de xullo, agosto e setembro, aínda que pode prolongarse ata outubro como época variable en función da necesidade.
No que vai de ano, os incendios de Trabada (190 hectáreas), rexistrado en abril, e Crecente (170 hectáreas), que tivo lugar en febreiro, foron os de maior superficie queimada.
O feito é que en 2023 arderon 6.749 hectáreas, o que se traduciu nunha forte caída fronte ás máis de 51.000 hectáreas arrasadas na vaga de incendios de 2022. De tal forma, hai un descenso con estas 18.489 hectáreas de obxectivo fronte á media estatística de 19.792 hectáreas que se establecía de referente para 2023.
Todo iso nun verán será "máis cálido" e "máis seco" do normal en toda Galicia, segundo o avance realizado pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para o período estival deste ano.
Medios aéreos e terrestres da Xunta e do Goberno central
Este verán haberá ata 7.000 efectivos -uns 3.000 da Xunta e 4.000 do Goberno central-. Ademais, mobilizaranse 380 motobombas e unha trintena de medios aéreos.
A Axencia Galega de Emerxencias (Axega) colaborará nas intervencións a través do Grupo de Apoio Loxístico (GALI) con medios técnicos como seis drons ou tres cisternas subministradoras con capacidade de 25.000 litros cada unha, ademais do reforzo de persoal no número de operadores e técnicos de garda dispoñibles.
Por parte do Goberno haberá 30 drons que participarán na vixilancia dos montes. Xunto a eles, a Xunta poderá facer uso das imaxes do sistema Copérnico de vixilancia por satélite a través da Dirección Xeral de Protección Civil do Ministerio do Interior
A rede de videovixilancia increméntase en 24 o número de cámaras dispoñibles en 12 localizacións diferentes, tres en cada provincia. En concreto, contará con 177 cámaras en 88 localizacións para abarcar máis do 85 % do territorio galego.
O número de teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria é o 900 815 085. Tamén está ao dispor da cidadanía o servizo gratuíto 085, ao que se debe chamar no caso de detectar un incendio forestal.
No tocante ás situacións 2, aquelas en as que o lume ameaza casas, quérese conseguir unha diminución das sete activacións que supón a media do último lustro. En 2023, só houbo dúas ocasións, o que contrasta coas 21 que chegou a haber en 2022.
Notificacións a propietarios para as limpezas
No tocante ás inspeccións sobre o cumprimento da limpeza das franxas de seguridade, a Consellería do Medio Rural explica a Europa Press que "as inspeccións deste ano inícianse unha vez que comece a tempada de alto risco de incendio", polo que aínda non contan con datos.
No ano 2023, as notificacións a propietarios por falta de xestión de biomasa foron 165.000 e houbo máis de 71.000 referencias catastrais publicadas. En concreto, revisáronse preto de 560.000 parcelas e máis de 45.000 hectáreas.
Galicia conta cun total de 40 parroquias de alto risco de incendio en 2024. A provincia de Ourense rexistra 28 delas en 16 municipios, o 70 % do total. A máis distancia están Pontevedra (6), A Coruña (5) e Lugo (1).
As parroquias de alto risco de incendio (PAAI) son aquelas que acumulan unha media anual de sete lumes ou máis no último lustro, do mesmo xeito que as que sufrisen dous incendios ou máis superiores ás 200 hectáreas nos últimos 10 anos.
A listaxe completa de municipios con parroquias incendiarias é o que segue. Hai 16 concellos na provincia de Ourense: Cualedro (tres parroquias), A Gudiña (3), A Mezquita (3), Oímbra (3), Vilariño de Conso (3), Calvos de Randín (2), Muíños (2), así como unha en Baltar, Viana do Bolo, Laza, Melón, Maceda, Padrenda, Carballeda de Valdeorras, Chandrexa de Queixa e Manzaneda.
Son seis municipios en Pontevedra cunha parroquia cada un: Dozón, Arbo, O Porriño, Salceda de Caselas, Caldas e Poio. Catro concellos na Coruña rexistran cinco parroquias de alto risco: Boiro (2), Carballo, Lousame e Porto do Son. O único concello de Lugo é Folgoso do Courel (parroquia de Meiraos).