Investigados dous homes por abandonar seis cabalos que acabaron esfameados
Investigados dous homes por abandonar seis cabalos que acabaron esfameados
A Garda Civil localizou en Melide varios animais en estado avanzado de descomposición e outros con desnutrición severa
Dous homes atópanse baixo investigación xudicial, un deles xa en prisión, por abandonar seis equinos no municipio de Melide que acabaron esfameados. Segundo informa a Garda Civil nun comunicado, uns morreron e outros foron sacrificados.
Un dos investigados, residente en Melide, está acusado de abandonar e maltratar polo menos catro animais, quebrantar condena, usurpar estado civil e ameazar. Por decisión xudicial, ingresou en prisión.
O outro, residente en Toques, está a ser investigado por abandono e malos tratos doutros dous animais, ameazas e atentado contra a seguridade viaria.
A investigación comezou en setembro do ano pasado tras detectar casos de abandono e maltrato animal con resultado de morte na comarca de Melide.
A Garda Civil soubo que algúns equinos "vagaban fóra dos límites das explotacións sen ningún tipo de control", o que supoñía un "risco para a seguridade viaria". De feito, rexistrouse un accidente polo impacto dun turismo contra un asno propiedade dun dos investigados.
Tamén recibiron denuncias de casos de equinos por "pastorear en leiras privadas alleas, provocando numerosos danos nas plantacións existentes".
Cadáveres e animais desnutridos
Ademais, os axentes localizaron en varias explotacións e parcelas dos investigados, "cadáveres de equinos abandonados, en avanzado estado de descomposición", o que que implica "riscos de bioseguridade para o resto da fauna, tanto doméstica como salvaxe", apunta a benemérita.
Tamén acharon algúns exemplares con "síntomas de caquexia severa e en estado agonizante" polo que os servizos veterinarios da Xunta "tiveron que practicarlles a eutanasia polo seu estado irrecuperable".
Por último, constataron que un dos investigados poñía anuncios en páxinas da Internet e redes sociais telemáticas para a venda dos animais, malia estar "inhabilitado para o comercio e a tenencia de animais por sentenza xudicial", conclúe a nota.