A A-6 cortarase este xoves durante catro horas en Becerreá para o simulacro dun incendio nun túnel
A A-6 cortarase este xoves durante catro horas en Becerreá para o simulacro dun incendio nun túnel
O obxectivo do simulacro é comprobar a efectividade dos protocolos de actuación e avaliar a coordinación dos servizos de emerxencia
A Autovía do Noroeste (A-6) quedará cortada este xoves pola noite durante catro horas á altura de Becerreá para realizar un simulacro que permitirá determinar a eficacia de resposta dos servizos de emerxencias ante un accidente de tráfico seguido dun incendio no interior dun túnel.
O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vai levar a cabo este simulacro de actuación e coordinación para casos de accidente con incendio na A-6, dentro do termo municipal de Becerreá, na montaña de Lugo.
Para levar a cabo o simulacro, cortarase o tráfico nas dúas calzadas da A-6, entre o enlace de Becerreá, no quilómetro 451, e o enlace do Cereixal, no quilómetro 456, desde as 22:00 horas do xoves, 17 de outubro, ata as 03:00 horas do venres, 18 de outubro.
Durante este tempo o tráfico será desviado cara á estrada N-6, precisamente para garantir a seguridade dos usuarios e dos servizos de emerxencias. Tamén informa o Ministerio de que os cortes e desvíos estarán debidamente sinalizados.
O obxectivo dese simulacro “é comprobar a efectividade dos protocolos de actuación e avaliar a coordinación dos servizos de emerxencia -bombeiros, sanitarios, Garda Civil, xestores do túnel e Protección Civil- para casos de sinistro con posibilidade de incendio”.
O accidente simulado consistirá nunha colisión entre dous turismos, seguido dun incendio, cuxas condicións serán recreadas mediante a utilización dunha máquina de fume quente.