A abstención e a participación, claves da enquisa de GAD3 para a CRTVG na xornada electoral
A abstención e a participación, claves da enquisa de GAD3 para a CRTVG na xornada electoral
A directora de comunicación de GAD3 di que a maior participación, maior fiabilidade das enquisas
María Martín explica que fan arredor de 900 entrevistas en cada unha da sete cidades galegas
Esta tarde remata a recollida de datos para a enquisa que se ofrecerá mañá tras o peche dos colexios
A directora de comunicación de GAD3, María Martín, explica no Galicia por diante fin de semana da Radio Galega as claves da enquisa sobre as eleccións municipais, elaborada por esta consultora de investigación social para a CRTVG e o resto de medios da FORTA e que se fará pública unha vez pechen os colexios electorais, ás oito da tarde deste domingo 28 de maio.
Segundo Martín, fronte ao modelo de israelitas, GAD3 desenvolve o sistema de tracking-poll. Con el, dende a xornada de inicio da campaña electoral e ata hoxe sábado ás seis da tarde -xornada de reflexión- estanse facendo diariamente enquisas telefónicas -tanto a fixos como a móbiles-. En cada cidade estanse facendo "preto de 800-900 cun total de 23.400 entrevistas en toda España".
A directora de comunicación de GAD3 explicou que con esa información "faise estimación de 34 grandes cidades -entre elas as 7 galegas- e 4 comunidades autónomas" onde mañá se celebran tamén eleccións autonómicas.
Para Martín, o "máis importante" para que este traballo reflicta o resultado que logo se dea nas urnas é a abstención e a participación.
Asegura que traballan cunha participación similar á de 2019, dun 65 %, e avisa que se a participación se afunde, as enquisas por moi ben feitas que estean "xa non son tan fiables" debido á aplicación da lei D´Hont. Por iso, concluíu, "se a participación é alta, o grao de fiabilidade das enquisas é moito maior".
"A participación e a abstención é o máis importante porque agora mesmo todas as tendencias as temos claras. Máis ou menos en que niveis se vai encontrar cada partido, nas cidades, nas asembleas rexionais. Pero o domingo nós calculamos que a participación vai estar nos niveis que estivo en 2019, que é un 65 por cento".