A activista iraniana Narges Mohammadi, premio Nobel da Paz 2023
A activista iraniana Narges Mohammadi, premio Nobel da Paz 2023
Loitadora polos dereitos humanos, en especial dos dereitos das mulleres, Mohammadi está actualmente en prisión
O Comité Nobel da Paz acordou conceder o premio deste ano 2023 á activista iraniana Narges Mohammadi "pola súa loita contra a opresión das mulleres en Irán e para promover os dereitos humanos e a liberdade para todos".
"A súa valente loita pola liberdade de expresión e o dereito á independencia tivo enormes custos persoais", asegura o Comité Nobel noruegués, con sede en Oslo.
En total, o réxime de Irán arrestouna 13 veces. Foi condenada en cinco ocasións e sentenciada a un total de 31 anos de prisión e 154 lategazos. Actualmente segue en prisión. Cumpre unha condena de 16 anos no cárcere de Ervin.
Este ano recibiu tamén o premio Guillermo Cano á Liberdade de Prensa da Unesco, e en 2022 gañou o Premio ao Valor de Reporteiros sen Fronteiras (RSF).
Mohammadi, que traballou durante anos para diversas publicacións, é tamén vicedirectora da ONG Centro de Defensores dos Dereitos Humanos en Teherán.
Mesmo desde o cárcere, Mohammadi informou sobre a "lamentable" situación dos presos en Irán, xa que escribiu decenas de artigos desde alí, e foi maltratada e torturada a pesar de sufrir problemas cardíacos, segundo destacou RSF cando anunciou a súa distinción.
O comité noruegués declarou que o premio "tamén recoñece os centos de miles de persoas que se manifestaron contra as políticas de discriminación e opresión do réxime teocrático contra as mulleres".
O da Paz é o quinto dos galardóns anunciados ata o de agora, despois dos de Medicina, Física, Química e Literatura, e sucede ao outorgado en 2022 ao bielorruso Ales Bialiatski e as organizacións rusa Memorial e a ucraína Center for Civil Liberties.