A adega Martín Códax celebra o Día Mundial do Enoturismo cun túnel de viños
A adega Martín Códax celebra o Día Mundial do Enoturismo cun túnel de viños
É unha proposta máis relaxada que a cata tradicional
Este domingo celébrase o Día Mundial do Enoturismo, un día que ten a súa data no calendario dende hai quince anos e que serve para potenciar o turismo do viño e para promover a importancia económica e cultural das rexións vitivinícolas.
Na capital do val do Salnés, Cambados, a adega Martín Códax, abastecida de uvas por máis de trescentas familias da rexión, ofreceu durante todo o sábado, en quendas de mañá e tarde, unha experiencia única para unhas sesenta persoas que saben ou queren saber de enoloxía.
O túnel do viño non é unha cata ao uso, senón algo así como un bufete de viños de distinta denominación, coa presenza de expertos da casa, da adega, catadores, sommeliers, que máis que dar clases mestras escoitan, ofrecen e resolven dúbidas.
Martín Códax ten o premio á Mellor adega aberta ao enoturismo. Porque ademais de ser un referente desde 1986 dentro da denominación de orixe Rías Baixas, leva anos abrindo as súas portas para poñer en valor esta zona do Salnés, en definitiva potenciando o turismo do viño.
"Sempre desde o punto de vista cultural, paisaxístico e gastronómico. Achegamos sempre ese tipo de produto á nosa adega e aos nosos visitantes, que teño que dicir que cada vez hai máis estranxeiros que nos visitan aquí en Cambados, e demandando a nosa cultura galega. E dentro da nosa cultura galega por suposto está o Albariño", explica á TVG Alejandra Rey, do departamento de Enoturismo de Martín Códax.
Javier Paadín é un dos catro expertos, el é sommelier da adega, que esta tarde de sábado axudan aos inscritos neste túnel do viño, unha proposta máis relaxada que unha cata tradicional.
"Onde ti vas probando os distintos tipos de viño sen que ninguén che teña que contar un relato. E, por dicilo así, un bufete libre de viños. O idea é probar en moi pouquiña cantidade, pero probar a maior cantidade de viños posibles", engade Javier Paadín, sommelier de Martín Códax.
Aprenderon de elaboracións innovadoras, probaron o único albariño sen alcol do mercado, e viaxaron polos viños galegos sen ter a presión de ter que verbalizar que estaba pasando dentro da súa boca ou do seu nariz.