A Alameda de Santiago xa ten catro exemplares no Catálogo de árbores senlleiras
A Alameda de Santiago xa ten catro exemplares no Catálogo de árbores senlleiras
Unha sequoia vermella de California é a última incorporación
Súmase ao eucalipto dos Namorados, á Perona e a un tileiro prateado
A Alameda de Santiago, con 8 hectáreas, é o gran referente verde da cidade, para lecer, para facer deporte ou simplemente pasear desde o século XVI. A maior parte dos santiagueses son asiduos e coñecen polo miúdo a súa riqueza botánica. Acolle 90 especies ornamentais e máis de 1.500 exemplares.
Catro das súas árbores centenarias figuran no Catálogo de árbores senlleiras de Galicia, coa última incorporación: a sequoia vermella situada na Porta Faxeira. Hai fotos de 1910 en que xa aparece este exemplar, dunha das familias de árbores máis altas do mundo na súa California natal. Chegaron a Europa na segunda metade do século XIX.
Outros dos especimes singulares é esta conífera de 22 metros de altura cunha historia detrás pola que a alcuman a Perona, porque se plantou na visita de Eva Perón a Santiago en 1947.
Na praza da Estrela, a carón da igrexa do Pilar, entre camelias e tileiros, destaca a enorme copa dun tileiro prateado, crese que plantado en 1884, e catalogado tamén como árbore senlleira. Quizáis sexa o máis grande de Galicia.
E na Ferradura está quizáis a máis coñecida: o eucalipto dos Namorados con 120 anos de vida e 45 metros de altura. Din que foi un dos primeiros eucaliptos plantados en Galicia no século XVIII. Un banco onde sentan as parellas rodea os seus oito metros de diámetro. A lenda di que quen queira casar ten que rodealo enteiro, pero non tatualo como lamentablemente fixeron moitos ao longo dos anos.
A outros dous eucaliptos próximos chámanos 'os celosos' porque non participan dos amoríos do seu colega, pero xuntos asisten desde hai máis de cen anos a todo acontecemento da vida santiaguesa como estes días coa Ascensión.