Detectada a venda de cornos de mar protexidos no Grove e en Ribeira
Detectada a venda de cornos de mar protexidos no Grove e en Ribeira
A Sociedade Galega de Historia Natural detectou a comercialización desta especie na lonxa de Ribeira e como recordo no Grove
Este caracol mariño está protexido desde 2011
A Sociedade Galega de Historia Natural denuncia que se están comercializando cornos de mar, unha especie protexida desde 2011 que se pode atopar nas nosas augas, aínda que cada vez é máis escasa. Este caracol mariño vendeuse nos últimos anos incluso nalgunha lonxa, como animal enteiro e a cuncha é frecuente vela exposta nos mercados ambulantes de recordos, como os do Grove.
O corno de mar, tamén coñecido como bucino ou buguiña, é unha especie dos nosos fondos mariños pero cada vez é máis difícil atopalo debido a dúas amezas principais: a captura para aproveitar as cunchas ou a venda para consumo tamén da súa carne, normalmente para fóra de Galicia.
"É unha especie catalogada como vulnerable en Galicia e España, desde o ano 2011. Polo tanto está prohibida a súa captura, posuílo ou comercializalo, tanto o exemplar completo como tan só as caracochas. E iso é do que estamos intentando alertar á Xunta de Galicia para que se tomen medidas", asegura Serafín González, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural.
Este sábado nos postos do Grove só había cunchas de caracois legais, importados e con permiso de venda. Pero a Sociedade Galega de Historia Natural constatou a comercialización das buguiñas aquí en días pasados.
"Detectouse inicialmente a súa venda ambulante como recordo no Grove e despois detectouse a venda tamén de exemplares completos na lonxa de Ribeira. Vemos que ademais hai unha reincidencia desas vendas, por imaxes nas redes sociais", explica González.
Insisten na necesidade de que se faga unha campaña de divulgación, no ámbito da pesca e no da sociedade xeral, para que recoñezamos e protexamos a especie e evitemos mercar produtos ilegais.