Publicador de contidos
Publicador de contidos

Mudan os usos da terra, pasteiros recuperados para plantacións de arandos

Mudan os usos da terra, pasteiros recuperados para plantacións de arandos

Cool Berries produce 5.500 toneladas de arando ecolóxico en Cerdido

Buscan introducir cultivos mixtos que reduzan a estacionalidade das producións estivais

 

G24.gal 10/08/2024 14:42

A recuperación de explotacións agrogandeiras para novos usos produtivos é cada vez máis común en Galicia. Unha desas actividades alternativas é a que desenvolve en Cerdido unha empresa que desde hai 10 anos cultiva arandos ecolóxicos.

Poucos imaxinarían a finais dos anos 90 o que chegaría a ser esta plantación. Os terreos onde pacían as vacas que muxían os gandeiros convertéronse nestoutro negocio.

"As leiras a maior parte delas foron antes explotacións de vacún leiteiro que se foron abandonando. Nós ímolas aproveitando porque precisamos grandes superficies e sería moito máis complicado atopalas, polo minifundismo galego" asegura Bastian González, director agrícola de Cool Berries

De 20 hectáreas iniciais, pasaron a 120, 90 delas de cultivo ecolóxico e o resto en reconversión. Este ano contan con producir 5.500 toneladas de arando, recollido nestes tres meses: o 80 % para o mercado fresco e o resto para conxelado e marmelada. Cada vez buscan novas oportunidades de manter un traballo máis continuado incorporando novos cultivos.

"Facemos unha distribución das nosas variedades para intentar facerlles chegar aos nosos clientes, como Gadisa e outro mercados no centro de Europa, unha produción estable ao longo de todo o verán. En Trazo acabamos de mercar unha leira de 95 hectáreas que queremos poñer en cultivo mixto de kiwi e arando, para mesturar a recolleita de arando e a poda coa recolleita do kiwi, poda e o resto do manexo dos dous cultivos para ter máis ou menos cuberto todo o ano de traballo e non depender tanto desa estacionalidade do persoal", explica González.

Unha oportunidade de traballo para a poboación local e tamén para unha boa porcentaxe de poboación migrante empregada nos cultivos.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar