Envelenan as árbores dun parque de Rodeira, en Cangas
Envelenan as árbores dun parque de Rodeira, en Cangas
A policía investiga o suceso como delito ecolóxico
As moreiras do parque do río Saíñas, moi preto da praia de Rodeira, teñen os días contados. Hai tempo que están a estragalas, facéndolles cortes cunha serra no tronco para logo inxectarlles pesticidas.
Foron moitos os paseantes que denunciaron o ataque ao ver que moitos exemplares estaban danados e tamén impregnados cun líquido que podería ser glifosfato. A Policía Local e o Seprona investigan o suceso, que dende o Concello cualifican dun auténtico delito ecolóxico que tardará moitos años en repararse.
Algunhas árbores aínda resisten, pero as pólas están secas e as follas ateigan xa o parque malia estar aínda no verán. Os veciños quéixanse do mal estado da área recreativa fronte á praia de Rodeira que conta cunha pista de monopatíns e unha área de lecer preto do instituto. Dubidan se é unha acción vandálica e a condena é unánime.
Os técnicos falan de atentado medioambiental, porque estas moreiras foron plantadas hai mais de dúas décadas e son de crecemento lento.
A Policía Local e o Seprona investigan quen pode estar detrás dos feitos, e se é un acto vandálico ou alguén a quen a sombra das moreiras lle tapa as vistas ao mar.