Fiscal xeral: "Eliximos a interpretación da lei que mellor ampara as vítimas"
Fiscal xeral: "Eliximos a interpretación da lei que mellor ampara as vítimas"
A aplicación da lei de garantías da liberdade sexual abre distintas interpretacións xurídicas entre xuíces e fiscais
O TSXG agarda o posicionamento do Tribunal Supremo para fixar criterio
Á falta dun posicionamento do Tribunal Supremo sobre a revisión de condenas ao amparo da nova Lei de garantías da liberdade sexual, os xuíces tratan de unificar criterios dentro de cada xurisdición.
A Fiscalía Xeral do Estado ordena aos seus fiscais opoñerse á rebaixa das penas para os agresores sexuais. "Hai distintas interpretacións e todas son constitucionais. E dentro delas a Fiscalía adopta a que mellor ampara as vítimas", di o fiscal xeral, Álvaro García Ortiz.
En Galicia, os fiscais avogan por estudar caso por caso. "Como dixo o Fiscal xeral do Estado hai matices. Hai que estudar cada caso concreto, velo e aplicalo", sostén Fernanzo Suanzes, fiscal superior de Galicia.
A directriz da Fiscalía non compromete os xuíces. O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) agarda o pronunciamento do Supremo para fixar criterio. "O posicionamento da Fiscalía é unha parte máis dos procedementos que os xuíces escoitaremos á hora de revisar ou non as sentenzas", explica José María Díaz Catroverde, presidente do TSXG.
O debate xurídico trasládase ás formacións políticas. O Partido Popular pídelle a Pedro Sánchez que rectifique e que cambie a lei de forma urxente. "Se o presidente do Goberno non rectifica a súa ministra está asumindo a responsabilidade desta chapuza", afirmou Elias Bendodo, coordinador xeral dos populares.
Desde Podemos defenden a lei e din que as críticas a Irene Montero responden a un posicionamento machista. "Que se fale da ministra de Igualdade responde ao machismo estrutural que hai no noso país", mantén Pablo Echenique, voceiro de Unidas Podemos no Congreso.
A ministra de Xustiza pide calma ata que o Supremo fixe doutrina.