Publicador de contidos
Publicador de contidos

A aprobación da addenda ao PRTR contempla novas oportunidades para Galicia, por María Cadaval

A aprobación da addenda ao PRTR contempla novas oportunidades para Galicia, por María Cadaval

G24.gal 03/10/2023 12:26

O Executivo da Unión Europea, despois dunha prolongada negociación co Goberno español, aprobou este luns a emenda ao Plan de recuperación, transformación e resiliencia, que implica a asignación de 93.500 millóns de euros adicionais dos fondos europeos Next Generation, creados para enfrontar as secuelas da pandemia.

Sumados aos 69.500 millóns xa aprobados en 2021, o plan español alcanza o seu máximo potencial, ascendendo a 163.000 millóns de euros.

Non obstante, esta aprobación aínda debe obter o apoio do Consello da Unión Europea, mais dáse por feito.

Dentro da emenda acordada entre o Goberno de España e a Unión Europea, contémplanse novos compromisos e reformas que España deberá cumprir para recibir finalmente estes fondos. En última instancia, o pactado ata o momento representa unha guía de acción que require reformas e investimentos a cambio da fluidez dos fondos.

Ademais, realizáronse modificacións en compromisos previos, especificamente 52 medidas, segundo o sinalado polo Executivo da Unión Europea. Un exemplo destes cambios é a eliminación das peaxes polo uso de estradas, a cambio de reforzar o transporte por ferrocarril.

Malia isto, cómpre non perder de vista que no ano 2027 a UE implantará un gravame sobre as emisións de CO2 para vehículos de mercadorías e fogares. Así, os novos fondos van permitir tamén prorrogar a axuda por rehabilitación de vivendas durante todo o 2024.

Onde parecen abrirse novas oportunidades é nos investimentos para reforzar o ferrocarril, por tanto, podería dar lugar a novas achegas para o corredor Atlántico e o Mediterráneo, se ben isto precisa de modificacións na planificación de investimentos inicial, que está por definir. 

Tamén o PERTE do automóbil, ao que opta Stellantis non só coa planta de baterías en Zaragoza senón tamén co proxecto STLA Small que podería recaer na fábrica de Vigo. Outros PERTE importantes da proposta son os dos microchips ou o alimentario, dúas actividades importantes ás que dar pulo.

Con todo, cómpre sinalar que dos 93.500 millóns de euros que se veñen de aprobar, 83.500 millóns son préstamos, é dicir, son cartos que haberá que devolver, cousa que non ocorreu coa primeira parte do Plan, composto por subvencións a fondo perdido.

Subvencións que, a día de hoxe non están aínda todas adxudicadas, pois 2 de cada 10 euros están pendentes de adxudicación e case a metade de execución. Un fito, pois, para a administración pública española que debe ser quen de xestionar todos os recursos ou, en caso contrario, devolvelos. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade