A Asociación Minerolóxica Internacional valida o achado dun novo mineral no monte Ermelo
A Asociación Minerolóxica Internacional valida o achado dun novo mineral no monte Ermelo
A Ermeloíta, un fosfato de aluminio nunca visto antes no mundo, leva o nome en referencia ao topónimo do monte de Moaña en que foi descuberta
É o cuarto mineral do mundo que se descobre en Galicia e iso significa que estamos ante un acontecemento científico moi importante para a nosa comunidade e que ten moito traballo detrás. Foi nun laboratorio do Campus Vida de Santiago onde fixeron todas as análises morfolóxicas e de compoñentes que confirmaron a hipótese de que estamos ante un mineral inédito e ata agora completamente descoñecido.
Ata que a teñamos nun museo, só poderemos vela en fotos porque este primeiro anaco de ermeloíta galega, ese primeiro fragmento achado, é por protocolo científico o que sempre quedará preservado como referencia no catálogo internacional.
Pero, como é a nova achega galega aos 5.000 minerais do mundo? A pedra visualmente é sinxela e pequena. Cristalizou en forma dun fosfato de aluminio monohidratado. Marca unha presenza de aluminio e de fósforo a partes iguais.
O que si podemos ver é un proceso similar de análise con outro mineral. Raios X e todo tipo de custosísimas tecnoloxías permitiron aos científicos e PAS da Universidade de Santiago demostrar que efectivamente estaban ante un mineral nunca visto.
"Sorprende, fai ilusión, da ledicia pero é un proceso moi lento. No caso da ermeloíta, proceso ao que a sometemos foi difracción de raios X ,de monocristal, que é unha técnica que che permite, a partir de non ter ningunha información desa mostra pois poder coñecer a estrutura atómica interna", cóntannos Óscar Lantes Suárez, responsable da Unidade de Arqueometría e de Caracterización de Materiais da USC.
A importancia de conservar a xeodiversidade do planeta é unha evidencia ante a crise tecnolóxica e a necesidade de investigar novos materiais.
Aprender valorar a mineroloxía forma parte dun enorme proxecto investigador da USC que culminará en 2023 cunha grande exposición en Fonseca.