Publicador de contidos
Publicador de contidos

A astrofísica galega da NASA Begoña Vila cóntanos o traballo do telescopio James Webb

A astrofísica galega da NASA Begoña Vila cóntanos o traballo do telescopio James Webb

As primeiras observacións do telescopio James Webb están a proporcionar moita información e a historia dun universo practicamente descoñecido ata o momento

G24.gal 14/08/2022 14:57 Última actualización 14/08/2022 21:04

As primeiras observacións do telescopio James Webb están a proporcionar moita información e a historia dun universo practicamente descoñecido ata o momento. Despois de anos de traballo, a NASA enviouno ao espazo no mes de decembro e este verán comezamos a coñecer algunhas das imaxes que está captando. Unha das responsables deste proxecto é viguesa, a astrofísica Begoña Vila.

O Universo garda moitos misterios que o ser humano segue a intentar desvelar... 
Despois de anos de traballo a NASA enviou ao espazo o telescopio James Webb o 25 de decembro e este verán comezamos a ver algunhas das imaxes que está captando.

"Estamos todos aínda moi emocionados e moi contentos. Está a funcionar aínda mellor do que esperabamos, vai reescribir os libros de ciencias e de astrofísica. Hai teorías de como chegamos ata aquí, como foron as cousas evolucionando pero este telescopio vai dar os primeiros datos para comprobar cales son verdadeiras e cales hai que cambiar e axustar un pouquiño", di Begoña.

A astrofísica viguesa, Begoña Vila, é unha das responsables deste innovador telescopio da NASA.

"Hai xente moi boa e moitos proxectos, é un ambiente que te estimula moito para traballar, así que estou moi contenta de estar alí", engade.

Segundo os científicos, as imaxes que está a captar o telescopio, xunto coa vista infravermella máis profunda do universo que nunca antes se tomara, amosan que o James Webb axudará a descubrir moitas incógnitas, e dar resposta a algunhas preguntas que nin sequera aínda formularamos.

"Permite observar as primeiras galaxias e estrelas que se observaron no universo e tamén pode continuar coa busca de planetas arredor doutras estrelas. Este telescopio é capaz de mirar a atmosfera doutros planetas e ver se se parece a atmosfera da terra", asegura.

Os instrumentos científicos de última xeración do telescopio confirman que as súas observacións futuras revolucionarán a nosa comprensión do cosmos e as nosas propias orixes. Unhas respostas que nos axudarán a comprender mellor o lugar que ocupa a humanidade no universo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade