Aterra nos EUA a cápsula espacial de Boeing sen tripulación tras presentar fallos
Aterra nos EUA a cápsula espacial de Boeing sen tripulación tras presentar fallos
Os dous astronautas que viaxaron na nave á Estación Internacional retornarán en febreiro nun vehículo de SpaceX
A cápsula Starliner de Boeing aterrou este sábado sen tripulantes con axuda de paracaídas en White Sand, Novo México, despois dunha viaxe de seis horas tras desacoplarse o venres sen problemas da Estación Espacial Internacional (EEI), á que chegara no mes de xuño.
A nave tocou terra despois de tres meses nos que, debido aos problemas técnicos, tivo que regresar sen os seus dous tripulantes, os astronautas Barry "Butch" Wilmore e Sunita "Suni" Williams, que retornarán en febreiro nunha nave de SpaceX.
A primeira misión tripulada de Boeing, empresa que con esta viaxe busca a certificación oficial da Starliner, terminou os primeiros minutos do sábado coa caída da cápsula desocupada no deserto.
Esta viaxe é a fin da accidentada misión de proba da cápsula, que dunha estancia planeada de oito días na EEI finalmente volveu ao cabo de tres meses, tras unha serie de problemas co sistema de propulsión e fugas de helio.
Steve Stich, directivo do Programa de Tripulación Comercial da NASA, dixo esta semana que as fugas de helio na nave posiblemente están vinculadas á corrosión duns selos.
Malia todo, defendeu a misión de proba, chamada CFT (Crew Flight Test), porque moitas partes do voo transcorreron moi ben e pensa que non vai ser necesario un novo deseño para o sistema de propulsores.
Ambos os dous astronautas engalaron desde A Florida a bordo da Starliner o 5 de xuño e logo axustáronse con éxito ao laboratorio orbital.
O regreso
O lanzamento da misión Crew 9 desde o Centro Espacial Kennedy da Florida nunha nave de SpaceX, na que regresarán os astronautas da Starliner, está previsto para o próximo 24 de setembro.
A misión, de seis meses de duración e que suporá a novena rotación de tripulación na EEI que emprenda SpaceX para a NASA, non engalará cos catro tripulantes previstos inicialmente, senón só con dous, para dar espazo aos dous astronautas da Starliner "atrapados" na EEI.
A misión, realizada con anos de atraso debido a diversos contratempos, debía ser a proba final antes de comezar as súas operacións regulares para a NASA como segundo provedor, despois do seu competidor, SpaceX, para o transporte de misións tripuladas e de carga ao laboratorio orbital.