A sonda chinesa Chang’e 6 regresa á Terra con mostras da cara oculta da Lúa
A sonda chinesa Chang’e 6 regresa á Terra con mostras da cara oculta da Lúa
O contido da cápsula abrirase en Pequín para extraer as mostras
A China é o único país que ata o de agora aluou na cara oculta
A cápsula da sonda chinesa Chang’e 6, que comezou a súa misión hai case dous meses para recoller por primeira vez na historia mostras da cara oculta da Lúa, aterrou este martes co seu cargamento na rexión setentrional chinesa de Mongolia Interior.
O orbitador soltou o módulo de reentrada coas mostras do proxecto de exploración lunar ao entrar na órbita terrestre, antes de chegar con éxito á zona prevista á 14:07 hora local (06:07 GMT).
Esta misión converte a China no primeiro país que logrou recoller mostras lunares da cara oculta do satélite natural da Terra.
"Ás 13:41 (05:41 GMT), o módulo de retorno da Chang'e 6 entrou na atmosfera a unha velocidade de arredor dos 11,2 quilómetros por segundo, a unha altitude de 120 quilómetros sobre a superficie terrestre". Nese momento empezou as manobras de desaceleración, segundo informou nun comunicado a Administración Nacional do Espazo Chinesa (ANEC).
Cando a sonda chegou a uns dez quilómetros da superficie, a Chang'e 6 abriu o paracaídas, o último paso da manobra de redución da velocidade, que lle serviu para manter unha altitude estable e aterrar de maneira suave no sitio marcado.
Despois de izar unha bandeira do xigante asiático no sitio da aterraxe, na área de Siziwang (provincia de Mongolia Interior), os equipos de recuperación comezaron a preparar a cápsula para o seu traslado por vía aérea ata Pequín, onde se abrirá para extraer as mostras recollidas.
“A misión lunar da Chang’e 6 finalizou con éxito”, anunciou o director da ANEC, Zhang Kejian, nunha conferencia de prensa posterior á aterraxe.
A China, o único país que ata o de agora aluou na cara oculta, dedicará as dúas próximas misións Chang'e á exploración do polo sur do satélite, onde ten previsto construír unha base de exploración científica xunto con Rusia.
A misión Chang'e 7 está programada para chegar ao polo sur lunar en 2026. Alí buscará depósitos de xeo e de auga, mentres que a Chang'e 8 explorará en 2028 posibles usos dos recursos que a súa predecesora descubra e sentará as bases para unha exploración tripulada que o programa espacial chinés espera materializar arredor de 2030.