A Audiencia Nacional investiga como atentado terrorista o ataque a tres igrexas en Alxeciras
A Audiencia Nacional investiga como atentado terrorista o ataque a tres igrexas en Alxeciras
Hai un falecido e catro feridos, un deles grave
O agresor, un cidadán marroquí, foi detido pouco despois dos feitos
A comunidade musulmá e a Conferencia Episcopal condenaron os feitos
Alxeciras esperta este xoves conmocionada e de loito. A agresión comezou sobre as sete da tarde, cando un mozo marroquí entrou na igrexa de San Isidro armado cun machete e berrando que había que acatar o Islam. Alí atacou un cura, que está ferido grave. E despois dirixiuse a outra igrexa, onde causou estragos e agrediu o sancristán, primeiro dentro e despois fóra do templo, onde acabou morrendo.
Deseguido, a policía reducía e arrestaba o agresor, que está sendo investigado por delitos de terrorismo de índole islamita, aínda que de momento Interior non cualificou o ataque como xihadista. Fontes próximas á investigación indican que o agresor probablemente actuou só, sen apoio nin directrices. O detido está en dependencias da Policía Nacional e nas próximas horas pasará á disposición xudicial.
Todas as autoridades condenaron os feitos e o Concello de Alxeciras convocou unha concentración de protesta este mediodía. A comunidade musulmá emitiu un comunicado de repulsa e solidariedade. E a Conferencia Episcopal fala de momentos tristes de sufrimento e únese á dor das vítimas.
España mantén o nivel catro de alerta terrorista nunha escala máxima de cinco.