A autopsia da vítima do crime machista de Moaña apunta a unha morte por afogamento
A autopsia da vítima do crime machista de Moaña apunta a unha morte por afogamento
A muller morreu afogada tras caer ao mar no coche que conducía a súa parella
Decretan prisión sen fianza para o acusado do crime machista de Moaña
A autopsia da muller falecida por mor do crime machista do pasado sábado en Moaña apunta a que morreu afogada tras precipitarse ao mar o coche no que viaxaba coa súa parella, segundo fontes coñecedoras da investigación.
Os feitos ocorreron sobre as 05:00 horas do sábado, cando os servizos de Emerxencias recibiron varios avisos de que un turismo caera á auga na zona do paseo marítimo de Domaio.
Algunhas testemuñas advertiron de que o condutor fixera manobras estrañas e que, nun momento determinado, acelerara con intensidade para invadir unha zona peonil e precipitarse logo ao mar.
O home, A.C.T. de 47 anos de idade, foi rescatado con vida e trasladado a un hospital con signos de hipotermia.
A última hora da tarde comunicóuselle a súa condición de detido tras as primeiras evidencias de que o ocorrido non fora un accidente, senón un crime machista, como finalmente foi .
O feito non tardou en chegar á veciñanza, que realizou concentracións para mostrar o seu rexeitamento e condena polo crime machista e para solidarizarse coa vítima.
Finalmente, o Xulgado de Instrución número 3 de Cangas, en funcións de garda, decretou o luns prisión provisional para o home. O detido ten antecedentes por violencia de xénero e, de feito, foi condenado pola Audiencia Provincial de Pontevedra por uns feitos violentos ocorridos en 2012.
Con todo, a muller falecida este sábado, Fadoua A. de 41 anos, non estaba rexistrada no sistema VIOGEN, polo que non había ningunha medida de protección con respecto dela. O seu corpo foi localizado cando se procedía á retirada do coche afundido no mar.