A Bonoloto deixa en Bóveda un premio de máis dun millón de euros
A Bonoloto deixa en Bóveda un premio de máis dun millón de euros
Un boleto despachado no centro da vila faise co bote acumulado
Un boleto selado nun despacho de loterías de Bóveda fíxose co bote acumulado no sorteo da Bonoloto, cunha contía de máis de 1.038.000 euros. Foi o único acertante de primeira categoría, posto que atinou cos seis números da combinación gañadora.
É, ademais, o maior premio repartido ata o momento nos case 60 anos deste local do centro da vila.
Javier Domínguez, xerente do despacho de loterías: "O negocio hai ano e medio que está ao meu nome e leva aberto dende 1966, sempre a nome da miña nai, falecida a principios de ano. Para min é como se fora un legado, unha luz que ela nos manda en forma de herdanza".
Polo de agora, descoñécese a identidade da persoa agraciada. Entre a veciñanza sinalan que tanto se pode tratar de alguén que resida na zona como de alguén que a visite, posto que por aquí pasa a diario moita xente de fóra.
Este é o segundo premio millonario que a Bonoloto deixa en terras lucenses no que vai de ano, logo de que en marzo se repartise no concello das Nogais preto de 1.200.000 euros.