Publicador de contidos
Publicador de contidos

A borrasca Nelson deixa vento, chuvia e aviso laranxa en todo o litoral galego

A borrasca Nelson deixa vento, chuvia e aviso laranxa en todo o litoral galego

Galicia rexistra refachos de ata 120 quilómetros por hora

Chove sobre todo en Pontevedra e en Ourense, e hai neve por riba dos 800 metros

O mal tempo provocou a cancelación de reservas en toda Galicia

Sinal en directo da cámara web da CRTVG en Baiona Sinal en directo da cámara web da CRTVG en Baiona
G24.gal 27/03/2024 14:12 Última actualización 27/03/2024 21:04

Este mércores e xoves todo o litoral galego permanece en aviso laranxa con fortes refachos de vento e ondas de entre cinco e sete metros. Toca reparar aparellos porque será case imposible saír ao mar.

Así o confirman na lonxa de Baiona onde só chegaron ourizos, algo de percebe e ameixa. Din que a situación mañá será peor e que o venres aínda será difícil traballar. 

A situación obrigou a cancelar as viaxes programadas ás Cíes e Ons ata o venres e o transporte marítimo na ría de Vigo varía as frecuencias pendentes do estado do mar.

Un contexto ao que deben adaptarse os que estes días nos visitan que se atopan coas terrazas recollidas e resignación entre os hostaleiros.

O mal tempo provocou a cancelación de reservas en toda Galicia. Os hostaleiros aseguran que a climatoloxía condicionou as reservas de última hora e sobre todo afectou á restauración coa cancelación das comidas e das ceas previstas para os próximos días. Tamén notan a influencia do mal tempo os comerciantes con moita menos afluencia de xente nos seus establecementos.  

Ata o mediodía, o refacho máximo rexitrábase en Oia, con 123 km por hora. En Carballeda de Valdeorras anotaron 120 km por hora; en Muras, na Terra Chá, tiveron un refacho de 115 km por hora. 

O vento sentiuse nos nosos monumentos máis emblemáticos. A carón da Torre de Hércules, e nos parques, que pecharon ante perigo de caída de pólas, na Coruña e tamén en Santiago, onde vimos as operarias de xardíns Marga e Montse precintándoos a media mañá. 

Coa esperanza de que as cousas melloren un pouquiño a partir do venres, os servizos de emerxencia recomendan non achegarse á costa, evitar actividades ao aire libre e ter precaución nas estradas. 

Aviso por chuvia en Ourense e Pontevedra

Tanto Meteogalicia como a Axencia Española de Meteoroloxía prevén acumulacións de máis de 40 litros por metro cadrado na provincia de Ourense, sobre todo no sur, na Baixa Limia, e no interior da de Pontevedra.

Unha situación que amola aos turistas, obrigados a saíren con paraugas, pero, aínda así, a chuvia frustra menos plans aquí que na costa.

En Entrimo, na Baixa Limia, xa caeron máis de vinte litros por metro cadrado ao longo da mañá, o mesmo ca en Fornelos de Montes e en Mondariz. 

Neve por riba dos 800 metros

 Ás portas de abril, as cotas máis altas do país volven espertar cun manto branco. Non son grandes nevaradas, pero serven para poñerlle imaxe a unha situación que se estende polo resto de Galicia: o frío e a humidade condicionan a Semana Santa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade