A cativada de Baio descobre o seu pasado ás apalpadelas
A cativada de Baio descobre o seu pasado ás apalpadelas
O alcalde de Zas, Manuel Muíño Espasandín, asegura que hai moi boas expectativas para seguir indagando neste xacemento
"Tedes que imaxinarvos que cando facían isto", di Lino mentres sostén unha peza de arxila, "non tiñan os fornos que temos hoxe en día, deixábanos a secar ao sol!"
A cativada non agocha o seu asombro. "Secar ao sol?", preguntan. Lino afirma: "E despois é cando pasaban os gatos e os cans e deixaban as pegadas!".
Lino Gorgoso é o arqueólogo que dirixe as intervencións de Brandomil, en Zas, e acompaña este grupo de nenas e nenos do colexio Labarta Pose de Baio, que botaron a mañá observando e mesmo palpando as pegadas dos seus antepasados.
Atópanse no xacemento arqueolóxico de Brandomil, onde descobren que no seu concello se conservan aínda restos arquitectónicos, cerámicas e tellas moi moi antigas.
Os traballos arqueolóxicos realizados ata o momento confirman que por aquí discorría unha vía antiga da época romana, e que dende o século I ata o V houbo un importante núcleo poboacional.
A intención é continuar coas escavacións e sacar á luz máis restos e estruturas soterradas, testemuños dos pobos romanos que habitaron estas terras.
Lino Gorgoso dirixe as intervencións de Brandomil. "O que chama a atención de Brandomil é esa ocupación e a conservación dos seus restos. Porque temos case oitenta centímetros de terreo agrícola que están selando, que están deixando intactos os depósitos romanos inferiores, e iso en Galicia é extremadamente raro".
Pola súa banda, o alcalde de Zas Manuel Muíño Espasandín asegura que hai moi boas expectativas para seguir indagando neste xacemento que é, en palabras do rexedor, "un dos máis importantes que se descubriron agora na actualidade en Galicia".
"Estamos falando con Patrimonio e ten toda a boa disposición e esperemos, tamén en colaboración con eles, para conseguir financiamento tamén da propia Xunta.