Aparecen sete xatos en descomposición no río Torrente, entre Zas e Vimianzo
Aparecen sete xatos en descomposición no río Torrente, entre Zas e Vimianzo
Levan tres semanas descompoñéndose no leito do río
O propietario podería ser sancionado con entre 3.000 e 60.000 euros
Imaxe dantesca a que atoparon o pasado 18 de marzo dous pescadores no río Torrente, no límite entre os concellos de Zas e de Vimianzo. Ata sete tenreiros en diferentes fases de descomposición esparexidos polo leito do río.
Tras avisar o 112 desprazáronse ata o lugar o Seprona, a Policía Local de Vimianzo e os servizos veterinarios oficiais de Medio Rural. Tras examinar os cadáveres déronse conta de que non tiñan crotais identificadores.
Ao non poder identificar o propietario, o Seprona e a Xunta puxéronse en contacto cos concellos de Zas e de Vimianzo para comunicarlles que se tiñan que facer cargo da retirada dos cadáveres.
Tres semanas despois os xatos seguen descompoñéndose no río. Ante a inacción dos dous consistorios, Medio Rural asegurou que enviará un operativo para proceder á retirada inmediata dos animais.