Karlotta deixou acumulacións de auga de máis de 100 litros no oeste da Coruña
Karlotta deixou acumulacións de auga de máis de 100 litros no oeste da Coruña
Santa Comba foi o concello onde máis choveu, con 159 litros por metro cadrado
Porén, houbo puntos da Mariña e de Ourense onde non caeu unha soa pinga
A diferenza do vento, as chuvias de Karlotta concentráronse nas provincias atlánticas. No oeste da Coruña había tempo que non vían chover de tal xeito, e sen un minuto de tregua.
"Foi moito o de onte, non había máis que ver os ríos e as leiras anegadas. Había tempo que non chovía así, e mira que aquí estamos afeitos".
"Estaba perigoso para conducir había que ter precaución".
"A sorte foi que caeu ao longo de todo o día, non foi toda ao mesmo tempo, pero foi moito", din algúns veciños de Santa Comba.
Os pluviómetros da estación meteorolóxica de Santa Comba traballaron arreo con Karlotta. Foron os que máis litros acumularon de Galicia, seguidos polos de Zas e Rois.
"Onte caeron en Santa Comba case 160 litros por metro cadrado e no Ribeiro, que é onde menos chove de Galicia, en todo o ano recollen 600 litros", explica o meteorólogo Juan Taboada.
O máis curioso é que houbo puntos de comunidade en que non caeu unha pinga, mesmo houbo un incendio forestal en Trabada.
"Por exemplo en Ribadeo non choveu nada. Houbo na mesma xornada varias localidades con acumulacións de máis de 100 litros e outras que quedaron a cero", comenta Juan Taboada.
Karlotta marcha, pero o inverno continúa. Hoxe seguirán caendo chuvascos, e mañá virá o frío, con posibilidade de pedrazo e neve por riba dos 800 metros.