Á caza de traballadores talentosos
Á caza de traballadores talentosos
Este mércores celébrase o Día Global da Adquisición de Talentos
Identificar e atraer talento, o maior reto das empresas que buscan ter éxito
O ano pasado en España quedaron sen cubrir preto de 180.000 vacantes por déficit de profesionais
"Conseguir un bo talento é o que vai facer que a compañía medre, que dea un bo servizo, que todo xurda e funcione mellor", apunta Ángela Souto, responsable de Talento de Altia.
É o binomino perfecto, talento e negocio para acadar o éxito, unha estratexia da que son máis conscientes as empresas, sobre todo as tecnolóxicas. Nesta empresa, con presenza en 9 países hai un departamento formado por 16 profesionais dedicados exclusivamente a atopar talento.
"Porque cada día temos que facer un maior esforzo para atraer bo talento, non só talento que teña coñecemento, porque todos sabemos que o coñecemento se pode adquirir, senón con competencias específicas para os postos que estamos buscando nós", explica Ángela Souto, responsable de Talento de Altia.
O ano pasado en España quedaron sen cubrir preto de 180.000 vacantes por déficit de profesionais. Por iso unha vez que os atopan o importante é retelos dándolles o que precisan.
"Como por exemplo pois conciliación, máis flexibilidade horaria, teletraballo", continúa.
Pero o talento non está só nas tecnolóxicas, todas as empresas o necesitan.
"Unha persoa ten talento cando ten unha habilidade para facer unha cuestión, unha tarefa, unha actividade en concreto e cada empresa define cal é o seu talento específico, é dicir, cal vai ser a persoa que busque con excelencia para cada unha das súas actividades", narra Sofía Ramos, xefa de formación da Cámara de Comercio da Coruña
Buscan o talento nos ciclos formativos, nas universidades e tamén nas feiras de emprego como as que organiza dende hai 7 anos a Cámara de Comercio da Coruña.
"Favorecen que estes mozos nunha mañá poidan dirixirse a diferentes empresas con ofertas reais de traballo e mostrar non só o seu talento senón tamén as súas habilidades", apunta Sofía.