As empresas galegas de economía social reivindican o seu modelo organizativo
As empresas galegas de economía social reivindican o seu modelo organizativo
Son cooperativas, sociedades laborais e centros especiais de emprego nos que priman as persoas e o fin social
O próximo mércores intentarán visibilizar o seu quefacer no primeiro Día da Economía Social galega
Unha tenda de roupa de segunda man é unha aposta de Cáritas pola promoción da economía social. A empresa de inserción laboral ofrece servizos de recollida de téxtil, complementos e venda ao público en establecementos propios. Marzena é a súa dependenta.
"Levo un ano traballando aquí e a miña experiencia é moi positiva, síntome orgullosa de formar parte dun grande equipo que axuda as persoas vulnerables e eu como persoa podo achegar este grao de area".
Cinco de cada cen empresas do sector privado pertencen á economía social. O maior beneficio destes negocios non sempre figura no balance das contas anuais. Sonia López é unha das tres socias da cooperativa Gaia dos Nenos.
"Cando a xente aposta por negocios de economía social ao final o que está apostando é por persoas, pola vida e por poñer a vida no centro e non tanto por engordar as empresas dende o punto de vista do capital. Nós como parte da cooperativa sabemos que se un día temos que quedar na casa, iso non vai ser un problema porque nós decidimos sobre a nosa realidade".
Con maior presenza na Coruña e en Pontevedra, os seus produtos chegan a todos os galegos. Cooperativas agrarias, alimentarias e confrarías de pescadores enchen a nosa despensa.
Hai negocios educativos e culturais e mesmo opcións bancarias comprometidas co desenvolvemento local, a igualdade e a cohesión social. Dan emprego a máis de 6.000 traballadores con dificultades de acceso ao mundo laboral.
"É vital que pensemos en medrar aos poucos a base de traballo, a base de facer moi ben o que sabemos facer. Ter moi claro que estás facendo, porque queremos achegar á sociedade. Isto é unha das claves de Gaia, Gaia é unha tenda pero tamén é unha forma de vivir a maternidade", di Sonia.
Traballan no convencemento de que as empresas suman na construción dunha sociedade máis xusta. O impacto da economía social en Galicia supera os 800 millóns de euros anuais.