A CEOE marca distancias coa proposta de Feijóo de reducir a xornada laboral a catro días
A CEOE marca distancias coa proposta de Feijóo de reducir a xornada laboral a catro días
Nunha xuntanza de urxencia, a patronal pide "separar a política" da xornada laboral e negociar nos convenios
Feijóo comezará en outubro unha rolda de contactos con empresarios e sindicatos
O debate da redución da xornada laboral a 37 horas e media entra na súa recta final. O Goberno quere un acordo antes de finais de ano, pero as posturas están aínda afastadas.
Os sindicatos afean a actitude dos empresarios. O secretario xeral de Comisións Obreiras, Unai Sordo, lamenta que a súa vontade sexa máis de "deixar pasar o tempo ca de negociar".
Desde esta semana, uns e outros teñen enriba da mesa unha nova proposta. Feijóo formula reducir a semana laboral a catro días para facilitar a conciliación. E quere consensuar esta viraxe ideolóxica con sindicatos e patronal. En Outubro comezará unha rolda de contactos con todas as partes. Di que chegou a hora de cambiar o foco. España, di Feijóo, leva unha década "despistada", leva máis de seis anos "centrándose nunha política que confronta" e deixando de lado "a política útil".
A patronal marca distancias coa iniciativa do PP e nega presións de Feijóo. "Nin me dixo que me atrae, nin me dixo o que teño que facer. E teño que dicilo con toda a claridade: nós somos independentes", asegura o presidente da CEOE, Antonio Garamendi.
Nunha xuntanza extraordinaria esta mañá, a CEOE insiste en rexeitar unha redución do tempo de traballo por lei. Segundo Garamendi, hai que "separar a política do día a día". As discrepancias están aí, pero a mesa de negociación segue en pé. A próxima reunión entre Goberno, sindicatos e empresarios, está prevista para o día 11 de outubro. A patronal reclama unha proposta por escrito.