Publicador de contidos
Publicador de contidos

A cesta da compra subiu máis de 100 euros nos últimos tres anos, segundo a OCU

A cesta da compra subiu máis de 100 euros nos últimos tres anos, segundo a OCU

A organización aposta por manter a rebaixa do IVE para determinados produtos máis alá de xuño

Pon o foco especialmente nas rebaixas fiscais da carne e do peixe, o que favorecería non só a consumidores, afirman, senón tamén a produtores

G24.gal 04/04/2024 11:25

Un recente informe da OCU advirte de que os prezos dos alimentos nos supermercados subiron de media un 38 % en tres anos mentres que calculan que os soldos medraron nunha media do 6 %. 

Este xoves, na Radio Galega, Enrique García, voceiro da Organización de Consumidores, traslado que entre os produtos que experimentaron maiores subas están o aceite, un 225 por cento, seguido do azucre, un 91 por cento, o zume de laranxa, un 81. A estes séguenos os ovos, o arroz redondo, as cenorias, o iogur natural e, entre os peixes, o máis caro, o salmón, que subiu un 56 por cento nos últimos 3 anos.

Incrementos que levaron a unha suba de máis de cen euros no global da cesta da compra. 

"Nun supermercado, a mesma cesta da compra que hai 3 anos custaba 248 euros, agora custa 355 euros, cen euros máis. No supermercado dos que estudamos, no que máis encareceron os prezos, esa compra é agora 122 euros máis cara", apunta.

Sostén o voceiro da OCU que, segundo este informe, mentres os produtos subiron de prezo de forma notoria, os soldos non o fixeron na mesma proporción, apenas un 6 por cento, o que implica que a maioría das familias españolas perderon poder adquisitivo. Isto inflúe na calidade do que consomen.

"Un 50 por cento das familias merca menos carne e peixe do que debería".

Alzas de prezos motivadas polas subas dos custes de produción, as malas colleitas e por dúas guerras abertas que neste intre condicionan o prezo do petróleo e ao comercio internacional. 

Todo isto, puntualiza Enrique García, podería levar a un novo incremento contra o verán, polo que inciden na necesidade de que o Goberno manteña as rebaixas fiscais máis alá do verán. Por outra parte, manifesta o voceiro da OCU, o Goberno debería incluír nestas reducións fiscais a carne e o peixe, porque teñen un peso considerable na cesta da compra.

"A rebaixa do IVE notouse pouco porque afectaba a produtos que no gasto total para as familias supoñían pouco, deixando fora a carne e o peixe, que son un importante gasto dentro do conxunto. Nós pedimos esa rebaixa desde o principio. O que axudaría a mercar máis carne e peixe, e mellorar a calidade da dieta de moitas familias", trasladou.

Variación de prezos en orixe

A maiores do estudo en 122 produtos nos lineais de 7 supermercados, a organización analizou a evolución dos prezos en orixe de 13 produtos. O estudo conclúe que en 5 deses produtos subiu moito máis o prezo en orixe que no supermercado. Eses produtos son: patacas, polo, ovos, tomates e cebolas.

Leitugas, tenreira, touciño, porco, laranxas, cenorias e coello os prezos subiron en igual medida da horta á mesa.

No caso dos plátanos, eses prezos subiron moito máis en orixe que no mercado.

Na OCU cren que a situación nos mercados aínda non se normalizou. Ven un bo sinal a baixada dos prezos da enerxía, con todo, insisten, os prezos non se estabilizarán ata que cesen as tensións xeopolíticas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade