Publicador de contidos
Publicador de contidos

O prezo dos produtos do mar, tanto o marisco como o peixe, chegou este outubro ao seu máximo histórico

O prezo dos produtos do mar, tanto o marisco como o peixe, chegou este outubro ao seu máximo histórico

A partir do 11 de novembro, cando remata a veda da centola, é cando os máis previsores comezan a facer abastecemento de peixe e marisco para conxelar, especialmente peixe sapo e camarón

O 57 % dos consumidores mercan fresco e conxelan todo o ano

G24.gal 26/10/2024 14:40

Os produtos do mar, tanto o peixe coma o marisco, aumentaron de prezo este outubro ata situárense en máximos históricos debido á escaseza das capturas polos temporais. Nos mercados galegos moitos son os clientes que temen que sigan encarecendo, así que xa hai quen empeza a pensar en conxelar o produto, algo antes que anos atrás, para que non falte na súas mesas no Nadal.

Aínda que estemos ás portas de novembro o plan de aforro cara ao Nadal está xa na cabeza dos clientes galegos. Aquí no mercado de Pontevedra cóntannos os donos dos postos que a pauta de comportamento cara a decembro é sempre a mesma. A partir do 11 de novembro cando remata a veda da centola é cando os máis previsores comezan a facer abastecemento de peixe e marisco para conxelar, especialmente peixe sapo e camarón.

De feito, o derradeiro informe de Conxemar sobre o consumo de produtos do mar revela que o 57 % dos consumidores  mercan fresco e conxelan todo o ano. Máis aínda cara ao Nadal ante o medo de quedar sen marisco na mesa ben sexa polo prezo do produto elevadísimo neses días como polo aumento xeral da demanda. 

O rodaballo tería que estar agora en 35 euros e está a 50. A nécora grande xa anda polos 70 euros. O percebe grande e o camarón non baixan de cen euros. E a dous meses do Nadal non ven trazas de que baixen os prezos.

 "Eses peixes top este Nadal van soprar! E o marisco imos no mesmo camiño. A centola é a raíña do marisco. A partir de que se levante a veda, o 11 de novembro, é cando a xente vén ao mercado comprar para conxelar", di a TVG Santiago Pesqueira, dono do posto de Cachadas.

"O rei do marisco é o camarón. Nós aquí comezamos a vendelo xa agora mesmo, e durante todo o ano se o houbese venderiámolo. E ademais é que ten moi bo conxelado, é o mellor marisco que che sae para conxelar", explica Margarita Barreiro, dona do posto Margarita.

Este outono entrou con moitas borrascas e temporais e poucas capturas. Vendo os prezos os consumidores cóntannos que se moven en tres opcións, conxelar antes de que suba máis ou arriscarse a ver que hai e a que prezo no Nadal. 

Despois dunha entrada do outono chea de borrascas e temporais este mes de outubro os prezos dos produtos do mar chegan ao seu máximo histórico. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade