Santiago Calvo, doutor en Economía: "O bono alugueiro vai subir máis os prezos"
Santiago Calvo, doutor en Economía: "O bono alugueiro vai subir máis os prezos"
Asegura que 6,8 millóns de vivendas están bloqueadas por unha lexislación restritiva
Considera necesario mobilizar recursos para rehabilitar vivendas baleiras
O doutor en Economía, Santiago Calvo, considera que o bono alugueiro mozo, que acaba de renovar o Goberno, "ten moi boa publicidade" pero é unha medida que incentiva a demanda nun momento no que o problema é a oferta. Segundo o experto, "o único para o que vai servir é para aumentar máis os prezos".
Nunha entrevista na Radio Galega, o experto sinalou que, na actualidade, hai un déficit de 110.000 vivendas. Cada ano, engadiu, "o número de fogares aumenta en 200.000 mentres que se constrúen 90.000 vivendas" fronte ás 600.000 que se erguían en tempos da burbulla inmobiliaria.
"Temos escaseza de vivenda de protección oficial accesible".
Santiago Calvo lembrou que anteriormente se construían 70.000 vivendas oficiais ao ano fronte ás 12.000 actuais. "Temos escaseza de vivenda de protección oficial accesible", recalcou, á vez que lamentou que as partidas destinadas a esta materia "foron as únicas que se reduciron mil millóns nos últimos 20 anos".
Engadiu que dos 4 millóns de vivendas baleiras que hai en España só 400.000 poden destinarse ao alugueiro. O resto están en cidades de menos de 20.000 persoas que non ofrecen oportunidades económicas. Con todo, asegurou, as dispoñibles en zonas tensionadas "non están en condicións de estar habitadas".
O experto entende que "hai que mobilizar recursos para rehabilitar vivendas baleiras". A rehabilitación de fogares en España representa só un 0,1 % fronte ao 0,8 % de países como Alemaña ou Italia.
"Temos moita vivenda potencial pero está bloqueada por plans urbanísticos restritivos".
Segundo Santiago Calvo, parte da solución ao problema pasa por unha lexislación menos restritiva, xa que "arredor de 6,8 millóns de vivendas están bloqueadas por plans urbanísticos restritivos". Tamén, engade, "por dar unha seguridade xurídica aos propietarios que incentive que aluguen ou vendan".
Na entrevista da Radio Galega, Santiago Calvo, apostou por políticas que a medio e longo prazo aumenten a oferta de vivenda para que tamén sexa alcanzable "para a xente que vén de fóra".